A Generalitat culpa a Sánchez de romper o diálogo

A Generalitat culpa a Sánchez de romper o diálogo
Elsa Artadi
Elsa Artadi  Foto: NacioDigital

“Lamentamos que o Goberno español decidira abandonar o diálogo”. Así respondía Elsa Artadi, conselleira de Presidencia, ao ultimato de Carmen Calvo, vicepresidenta do equipo de Pedro Sánchez. O Govern acusa o Executivo central de romper a negociación con Catalunya.


Ante as presións da dereita, a vicepresidenta do Goberno español, Carmen Calvo, advertía na sexta feira cun “até aquí chegamos” que as negociacións con Govern ficaban en suspenso ao non aceptar “nunca” un referendo de autodeterminación. “Non é razoábel alongar unha situación cando hai un elemento que non se pode salvar”, apuntaba, a respecto da consulta”. Aínda así engadía que “en absoluto” dan por rotas as negociacións.

Non tardaban en reaccionar desde a praza de Sant Jaume, onde o vicepresident do Govern, Pere Aragonés, e a conselleira de Presidencia, Elsa Artadi, responsabilizaban o Executivo de Pedro Sánchez de romper a negociación que buscaba unha saída dialogada en Catalunya. “É o Estado español quen o rompeu, abandonou o espazo de diálogo”, retrucáballe Aragonés a Calvo.

Os responsábeis da Generalitat aseguraban que o Govern non se moverá da mesa de negociación e que seguirá a reclamar unha saída dialogada. Segundo o Executivo catalán, o Goberno de Sánchez reclamaría a retirada das emendas á totalidade dos orzamentos para manter abertas as conversas. “É evidente que o Goberno do Estado cedeu ante as presións do nacionalismo español de dereita e ultradereita”, sentenciaba Artadi, quen acusaba a Sánchez de dar por bos os argumentos de Casado, Rivera e Abascal.

Coa escenificación da ruptura da negociación con Catalunya o Executivo de Pedro Sánchez trata de esquivar o golpe de Casado e a manifestación do domingo; lémbralle a ERC e PdeCat que a supervivencia do seu goberno depende da súa continuidade na Moncloa e prepara o terreo para unha posíbel caída.