SERÁ ANUNCIADO EN LA HABANA

O Goberno colombiano e as FARC ultiman o acordo definitivo no proceso de paz

O Goberno colombiano e as FARC ultiman o acordo definitivo no proceso de paz
[Imaxe: @EquipoPazGob] Membros da delegación do Goberno colombiano e das FARC
[Imaxe: @EquipoPazGob] Membros da delegación do Goberno colombiano e das FARC  

O Goberno colombiano e mais as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo (FARC-EP) están a piques de concluír o acordo definitivo que fecha os diálogos abertos no marco do proceso de paz. Tan só fican detalles por resolver que terían a ver, segundo a FARC, coa ética.


Timoleón Jiménez, alcumado Timochenko, líder das FARC-EP, avanzaba, mediante un chío publicado en Twitter, a culminación do acordo definitivo dos diálogos co Goberno colombiano en aras da paz. “Acaban de terminar unha nova xornada. Séguese traballando intensamente en función do acordo final”, apuntaba perto das 20h (hora local).

Ademais, Jesús Santrich, membro da delegación das FARC-EP, escribía tamén en Twitter un chío máis esclarecedor, aínda que apelaba á prudencia: “Tamén espero que mañá sexa un día histórico. Mais aínda non finalizamos”.

Aliás, a conta oficial de Twitter dos membros do Goberno na Mesa de Conversas de La Habana sinalaba hai oito horas que “Se achega o día... Imos camiño á Paz”.

Diversos medios de comunicación aseguran que o groso do pacto está xa fechado e que tan só fican por resolver aspectos técnicos do documento, que se faría oficial esta terza feira en La Habana, segundo o Alto Comisionado para a Paz.

A emisora colombiana Caracol Radio daba a coñecer hai escasas horas que “as partes se puxeron de acordo no deseño dunha nova proposta de reintegración máis sensata para as FARC-EP e no compromiso do Goberno para a presentación do proxecto de lei sobre a amnistía”.

Un proceso que comezou en 2012

O diálogo para a paz entre o Goberno colombiano e as FARC-EP encetou en novembro de 2012  en La Habana co fin de chegar canto antes a un acordo que puxese fin ao conflito armado interno, que durou máis de medio século.