XUNTANZA DE SÁNCHEZ E TORRA NA MONCLOA

O Goberno español comprométese a recuperar leis catalás suspendidas polo Constitucional

O Goberno español comprométese a recuperar leis catalás suspendidas polo Constitucional
Pedro Sánchez (esquerda) e Quim Torra na Moncloa. Foto: Moncloa.
Pedro Sánchez (esquerda) e Quim Torra na Moncloa. Foto: Moncloa.  

O presidente Pedro Sánchez non se referiu á reforma da Constitución e desde Moncloa afirmaron que “a autodeterminación non existe en ningunha democracia do mundo”. No entanto, o Goberno abriu a porta a retomar o traspaso de competencias á Generalitat e a recuperar leis do Parlament suspendidas polo Constitucional.

 


Foi o balanzo da primeira xuntanza mantida por Sánchez co president catalán Quim Torra segundo o ofreceu a vicepresidenta do Executivo español, Carmen Calvo. Torra, pola súa banda, explicou que na reunión falaron “de todo”, que expuxo a existencia de presos políticos e exiliados e que denunciou a persecución de persoas polas súas ideas. “Sánchez escoitou e tomou notas. Iso agradounos”, afirmou o president.

Quim Torra tamén lembrou que Pedro Sánchez empregou a idea de “plurinacionalidade” pero non concretou “o seu plan para España”. “A autodeterminación foi a columna vertebral da xuntanza pola nosa banda”, engadiu.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno e encargada de valorar o encontro, arrefriou todo o que respecta “ao dereito a decidir”. Mencionou o que entende “alto nivel de descentralización” do Estado español e lembrou que a Constitución española prescribe “a unidade” territorial. Tamén anunciou a intención do Goberno español de “manter unha comunicación fluída” coa Generalitat.

Nesa liña, comprometeu a reaunidación da comisión bilateral Estado-Generalitat -desactivada en 2011 por Raxoi- e, así, do traspaso de competencias e desenvolvemento do Estatut. Destes ocuparanse a ministra de Administracións Territoriais, Meritxell Batet e a conselleira de Presidencia Elsa Artadi. O president Torra asegurou que “a biltelaridade” era unha boa noticia.

O outro compromiso concreto enunciado por Carmen Calvo referiuse a leis do Parlament suspendidas polo Tribunal Constitucional após recursos presentados polos gobernos de Mariano Raxoi. “Queremos falar de pobreza enerxética, cambio climático e lei de sanidade universal”, dixo, “estamos de acordo no no fondo destas políticas concretas”.

“Crise política, solución política”

Pedro Sánchez, que cedeu a valoración da xuntanza á súa vicepresidenta, colocou na súa conta de twitter algunha das súas consideracións. Sobre o conflito catalán afirmou que “unha crise política require unha solución política”. Ambos os dous mandatarios pretenden estender o clima de distensión política cunha vindeira reunión en Barcelona.



x