AUTODETERMINACIÓN

O Goberno de Escocia solicitará antes do Nadal un novo referendo de independencia

O Goberno de Escocia solicitará antes do Nadal un novo referendo de independencia
A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon. Foto:gov.scot
A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon. Foto:gov.scot  

A primeira ministra escocesa e líder do Partido Nacionalista Escocés (SNP), Nicola Sturgeon, afirmou esta sexta feira, 1 de novembro, que pulará por que se faga unha nova consulta arredista en 2020, para o que pretende abrir negociacións con Londres -a quen ten que pedir permiso- antes de rematar o presente ano.


“Entregaremos a petición da sección 30 a Downing Street, independentemente de quen estea, antes de Nadal”, afirmou esta sexta feira, 1 de novembro, a ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon. A sección 30 da Scotland Act de 1998, a lei do Parlamento británico que estabeleceu a devolución de competencias a Escocia (unha especie de Estatuto de Autonomía), aínda que non marca que poderes lle corresponden ao Parlamento británico, si que di cales son exclusivos de Westminster.

Xa que logo, calquera materia non reservada para o Parlamento británico é automaticamente competencia do escocés. A “Unión de Escocia e Inglaterra” entra dentro dos temas dependentes do Parlamento británico, polo que o Goberno de Escocia non pode convocar un referendo de independencia de forma unilateral e ten que pedir permiso e negocialo con Londres.

Sturgeon, que xa expresara a súa intención de convocar un novo referendo en 2020, asegurou que quere activar este mesmo ano esta sección 30 da Scotland Act para iniciar os trámites da convocatoria dunha segunda consulta, subliñando que é “vital” que “Escocia asuma o control do seu futuro”. O pasado 5 de outubro, máis de 20 mil manifestantes, segundo a organización (120 mil, segundo a Policía), reclamaron a independencia de Escocia nunha nutrida e animada mobilización multitudinaria

O portavoz de Sturgeon avanzara esta semana que a solicitude para organizar un novo referendo se realizaría “este ano”, despois de a Cámara dos Comúns británica aprobar a lei que permite o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, convocar eleccións xerais anticipadas o 12 de decembro vindeiro.