FRANCISCO CHACHA, ACTIVISTA ECUATORIANO

“O Goberno de Lenín Moreno é unha ditadura; estanos matando”

“O Goberno de Lenín Moreno é unha ditadura; estanos matando”
Imaxe tomada por Francisco Chacha nas rúas de Cuenca esta semana
Imaxe tomada por Francisco Chacha nas rúas de Cuenca esta semana  

Francisco Chacha (1997), profesor de Educación Especial, leva no activismo político no Ecuador desde os 15 anos. Estes días está a vivir en carne propia as protestas no país e a violenta resposta por parte das forzas de seguridade do Estado. Falamos con el.


Tras trasladarse co seu Goberno á cidade costeira de Guayaquil, a segunda en importancia e poboación do Ecuador, a pasada segunda feira, 7 de outubro, o presidente ecuatoriano, Lenín Moreno, anunciou esta quinta feira, 10 de outubro, o seu regreso á capital do país, Quito. No país suramericano continúa, non obstante, a crise. A 'Defensoría del Pueblo' do Ecuador (o equivalente ao Valedor do Pobo no noso país) confirmou esta mesma quinta feira o pasamento de cinco persoas, feridas polas forzas policiais no transcurso das manifestacións contra o 'paquetazo'.

Na terceira cidade do país, Cuenca, tamén se rexistraron fortes protestas. En conversa por redes sociais, o profesor de Educación Especial pola Universidad Nacional de Educación (UNAE) Francisco Chacha, activista político desde os 15 anos, especialista en temas de feminismo e da comunidade LGTBI, e activo nas protestas destes días, atende as preguntas de Sermos Galiza desde esta localidade andina do sur do Ecuador.

Fálanos de democracia, mais o primeiro pacto democrático foi destruído por el mesmo cando decidiu non cumprir coas promesas electorais coas que gañou as presidenciais e virou cara á dereita deste pais

Como está a situación actual?

A situación está máis tranquila hoxe (por esta quinta feira) aquí en Cuenca, mais onte foi moi complicada. Moitas mozas e mozos foron golpeados e algunhas mulleres acabaron desmaiadas. Houbo unha forte represión por parte da Policía Nacional e das Forzas Armadas. Os helicópteros sobrevoaron continuamente as manifestacións polo centro histórico. Había unha estratexia de acurralarnos cos tanques, cos axentes motorizados e coa cabalería, armados e con bombas de gas lacrimóxeno... Onte confirmouse a morte dun dirixente da CONAIE por unha contusión no cranio e o movemento indíxena en Quito continúa a presionar ao Goberno.

Como o estás vivindo ti persoalmente?

Os nosos amigos e a nosa familia estámolo a pasar algo mal. Estes días había desabastecemento, mais as Forzas Armadas fixeron unha ponte aérea de alimentos. Actualmente permanecemos sen gas. Quedámonos sen gas en toda a cidade e nas provincias da serra. Non sabemos até cando.

Como cres que avanzará a situación nos vindeiros días?

Os nosos indíxenas están na loita e non darán un paso atrás, ao igual que o Goberno xa manifestou que tampouco dará un paso atrás nas súas medidas económicas. Estaban tentando ofrecer outro tipo de contrapartidas aos indíxenas, mais estes rexeitáronas polo de agora. Polas redes sociais dise que se chegou a acordos, mais non é certo: a manifestación mantense nas rúas de Quito.

E cal é a situación política, a dialéctica entre Moreno e Correa?

Este señor Moreno desde que entrou no Goberno vén mentindo. Fálanos de democracia, mais o primeiro pacto democrático foi destruído por el mesmo cando decidiu non cumprir coas promesas electorais coas que gañou as presidenciais e virou cara á dereita deste pais, unha das mais poderosas.

Non me considero correísta, senón realista. Co Goberno de Correa houbo moitas políticas de benestar, de progreso: calquera persoa podía acceder aos servizos de saúde, de educación... houbo un programa de becas que beneficiou miles e miles de estudantes, do cal eu mesmo tamén me beneficiei. Mais, sen dúbida, hai outro tipo de políticas públicas que prexudicaron o país, e como se pode ver hai bastantes dirixentes da mesma CONAIE que o critican.

Teñen fundamento as acusacións de Moreno a respeito do papel de Correa e do presidente venezolano, Nicolás Maduro?

Lenín Moreno é un mentireiro. Nós endexamais recibimos financiamento nin de Correa nin de Maduro, que non estaría mal, tendo en conta o linchamento que sufrimos por parte dos medios de comunicación. Tivemos que sacar o telefono no medio de situacións complicadas para poder viralizar o que estaba a suceder.

Situacións perigosas?

Aquí en Cuenca a un mozo de 19 anos case o matan polo toque de queda, que é de 20 horas a 5 horas. Os policías, abusivos, acurralárono cinco minutos antes de acabar este toque de queda... os servizos do ECU 911 (servizo de Emerxencias do Ecuador) non estaban dispoñíbeis e as ambulancias non querían dar servizo ao casco histórico. Foron os veciños os que se solidarizaron e o auxiliaron... hai imaxes moi fortes. O mozo case non podía respirar... déronlle unha malleira.

E, en definitiva, esta é a miña opinión: é unha ditadura, estannos matando. Confirmouse a morte de máis de 15 indíxenas alá en Quito; de 3 a 4 estudantes, tamén... Aquí en Cuenca case matan a un. Os policías e os militares están a facer o que lles peta.