NORMALIZACIÓN

O Goberno de Nafarroa desbota recorrer a sentenza contra o decreto do éuscaro

O Goberno de Nafarroa desbota recorrer a sentenza contra o decreto do éuscaro
A presidenta do Goberno de Nafarroa, a socialista María Chivite
A presidenta do Goberno de Nafarroa, a socialista María Chivite  

O Partido Socialista Navarro vota canda Navarra Suma para rexeitar unha moción solicitando o recurso á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa, que anula os artigos referentes á valoración do coñecemento da lingua vasca como mérito para acceder ao emprego público.


A presidenta do Goberno de Navarra, María Chivite, anunciou esta cuarta feira, 22 de outubro, que o Executivo non vai recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSXN) que anula varios artigos do decreto foral sobre o uso do éuscaro nas Administracións por “cuestións de seguridade xurídica”. En declaracións aos medios, Chivite sinalou que “temos un grupo de traballo organizado para dar solución normativa a ese baleiro legal que nos xerou a sentenza, non só sobre o decreto foral do éuscaro de 2017 senón que nos retrotrae a decretos anteriores”.

Ao respecto de posíbeis discrepancias no seo do Goberno neste tema, a presidenta navarra dixo que “había unha liña de traballo de garantir unha seguridade xurídica”. “O Goberno non vai recorrer a sentenza sobre o decreto e digo o Goberno no seu conxunto”, remarcou. Preguntada polos prazos que manexa o Goberno para modificar a normativa, a xefa do Executivo manifestou que “o importante non son as présas senón facelo ben, que haxa acordo en base ao acordo programático que fala de conseguir un amplo consenso social, político e sindical en torno a unha nova normativa do éuscaro”.

A portavoz de EH Bildu, Barkartxo Ruiz, cualificou de “lamentábel” a decisión do Goberno, informa Naiz, e salientou que prevalecera a decisión do Partido Socialista de Navarra (PSN) de non recorrer a sentenza. Alén disto, Ruiz lamentou que Geroa Bai e Podemos, socios de goberno de Chivite, dean por boa a sentenza do TSXN malia a súa responsabilidade na elaboración do decreto foral aprobado na pasada lexislatura.

Moción rexeitada

Ao mesmo tempo, no Parlamento navarro discutíase esta mesma cuarta feira unha moción para instar o Goberno foral a presentar o recurso. Porén, a resolución foi rexeitada cos votos en contra de Navarra Suma e PSN. Geroa Bai, EH Bildu e Izquierda-Ezkerra (I-E) votaron a favor, e Podemos abstívose.

Nun segundo punto, instábase ao Executivo a “adoptar a decisión de non valorar nunca o coñecemento do éuscaro por baixo do coñecemento doutras linguas”. Navarra Suma votou en contra, o PSN e Podemos abstivéronse e Geroa Bai, EH Bildu e I-E votaron a favor.

Por último, nun terceiro punto, solicitábase ao Parlamento a “amosar a súa disposición a traballar con vistas a aprobar unha nova lei do éuscaro que garanta a igualdade de dereitos de todos os cidadáns e supere a zonificación”. Navarra Suma e PSN votaron en contra, Geroa Bai, EH Bildu e Podemos fixérono a favor, e I-E abstívose.