A PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA DA EXPLORACIÓN ESPACIAL

Grande suceso tecnolóxico de China ao pousar unha nave no lado afastado da lúa

Grande suceso tecnolóxico de China ao pousar unha nave no lado afastado da lúa
Fotografía enviada pola sonda
Fotografía enviada pola sonda  

O soño de Xi Jinping, que China pase de se asociar á fabricación de produtos de baixo valor engadido con uso de man de obra barata a estar na vangarda das ciencias e a tecnoloxía, está máis perto de se materializar após a sonda robótica Chang’e 4 se ter tornado na primeira aeronave que a humanidade consegue facer aluar na cara afastada do noso satélite.


A viaxe do Chang’e 4 deu comezo o pasado 8 de decembro. A nave entrou na órbita luar o pasado domingo e esta madrugada conseguiu pousar na superficie do satélite, exactamente ao sul do xigantesco cráter Aitken, o de maior antigüidade e profundidade de todos os que existen na lúa.

É un logro tecnolóxico nunca antes conseguido por ningunha axencia aeroespacial do planeta. A conquista até foi parabenizada pola NASA, cuxo administrador, Jim Bridenstine, debruzouse sobre a súa conta twitter para celebrar o suceso chinés: "Parabéns á equipa da Chang'e-4 da China, polo que parece ser un pouso exitoso no lado afastado da Lúa. Esta é unha primeira vez para a humanidade e unha realización impresionante".

 

A dificuldade do ponto de vista técnico da aluaxe da nave chinesa radica en que o planetoide que orbita arredor da terra ten un lado que permanentemente está de costas á terra, o que impide que exista unha comunicación directa. A CNSA (Administración Espacial Chinesa) salvou ese problema co envío, en maio, dun satélite de comunicacións que iría orbitar por volta dun "ponto de equilibrio" entre as gravidades terrestre e lunar que ficaría além da lúa. Desde el se puido contactar tanto coa aeronave ao pousar no astro como co control da misión na China. 

Unha vez pousada no noso satélite, a Chang'e-4 ten previsto realizar un experimento para saber se sementes de plantas, patacas e vermes da seda poden prosperar na lúa.



x