SUBA DO IVE E RECORTE DAS PENSIÓNS, ENTRE OUTRAS

Grecia terá que lexislar duros recortes antes da cuarta feira para ter un novo resgate

Grecia terá que lexislar duros recortes antes da cuarta feira para ter un novo resgate
Euro
Euro  

Os líderes do euro dánlle a Alexis Tsipras de prazo até a cuarta feira para lexislar as duras reformas que se lle exixen antes de negociar un novo rescate. Entre os requirimentos que se lle piden a Atenas atópanse os recortes nas pensións e o encarecemento do IVE.


Na reunión que manteñen os líderes da zona euro na tarde de hoxe, acordouse dar de prazo até a cuarta feira para que Grecia lexisle as reformas que se lle exixen antes de negociar un novo resgate. Entre os recortes que urxe a Eurozona atópanse a baixada das pensións e o encarecemento do IVE. Estas serían algunhas das condicións previas impostas polos ministros de Economía e Finanzas da zona euro para poder negociar un terceiro resgate a Grecia. Aliás, pactaron que para fechar un posíbel acordo o Fondo Monetario Internacional (FMI) ten que participar en todo o proceso, algo que tratou de evitar Atenas.

Correspondentes de diversos medios europeos están subindo ás súas contas de Twitter imaxes do documento que se estarían debatendo no cumio do Eurogrupo, que cifra as necesidades de financiamento de Grecia en 86.000 millóns de euros. Entre estas medidas, alén da suba do IVE e do recorte das pensións, atoparíanse a privatización da rede eléctrica, o cumprimento da directiva de recuperación e resolución bancaria, a reforma do sistema xudicial, o endurecemento das condicións laborais, a liberalización de mercados ou o regreso a Atenas da troika, entre outras.