NÉSTOR KOHAN NO SERMOS323

"Haddad tería que ter sido máis duro con Bolsonaro"

"Haddad tería que ter sido máis duro con Bolsonaro"
[Imaxe: Uxía Castro] Néstor Kohan
[Imaxe: Uxía Castro] Néstor Kohan  

Néstor Kohan (Bos Aires, 1967) é unha das voces máis poderosas, tamén máis rigurosas, do marxismo en Latinoamérica. Unha voz que se pretende innovadora, ligada ao territorio e á historia do sur do continente americano, nunca un mero eco das doutrinas eurocéntricas. Na súa conversa convoca con naturalidade quer o pensamento dos grandes vultos da tradición marxiana quer un vídeo de Youtube ao que debruzarnos se queremos estar á última dun movimento que, persuádeme diso, está moi vivo. 


4Kohan chegou a Compostela para oferecer unha palestra nun acto organizado por Agora Galiza. Falo con el na redacción de Sermos. É un erudito, si, mais tamén un profesor que domina os trucos da docencia para non se facer aborrecíbel: domina á perfección a linguaxe das entrevistas. A miña idea é que me fale desde o marxismo dos últimos acontecimentos en América Latina, marcados pola deriva brasileira rumbo á dereita.

-Como se explica a vitoria de Bolsonaro no Brasil?
 

-Non o sei ben. Non o sei. Esa é a grande pregunta hoxe na América Latina. Habería moitas explicacións, o desencanto con certos gobernos [os formados polo Partido dos Trabalhadores] que prometeron unha mudanza radical e logo non lograron facelo. En todo caso, diríache que en América Latina [o triunfo de Bolsonaro] xerou unha dor tremenda. Non é só unha análise política fría, vino nas redes sociais, escribíronme amigos...

-Conmoción, non?
 

-Unha conmoción tremenda. Volvía o espectro da vella ditadura militar, pero lexitimada polos votos. Estabamos afeitos a que eses grupos sociais chegaban ao poder, mais através da violencia extrema. Mais agora veñen lexitimados polos votos. Unha das posíbeis explicacións é que no seo dunha sociedade que está en crise, como a brasileira, aparece a figura de novo dun salvador, que aparentemente está por sobre os intereses sociais. Para describir este fenómeno, o marxismo ten unha categoría moi empregada ao longo da súa historia, que é a do bonapartismo. Aquel sobriño de Napoleón Bonaparte que aparentemente sobrevoa os conflitos entre as clases e vén pór orde. Así o formula Marx. Gramsci, por súa parte, fala de cesarismo, unha categoría análoga ou similar. Mais o pensador italiano pensa, a diferenza de Marx, que o cesarismo pode ser regresivo ou progresivo. Un terceiro autor que menciona este fenómeno é Trotski, que o analiza de maneira crítica -cesarismo regresivo- cando referido a Stalin, mais de maneira positiva cando se trata do xeneral Cárdenas, quen a fins da década dos 30 en México se pon á frente dun movimento de masas, nacionaliza o petróleo, enfrenta os Estados Unidos, ten posicións moi democráticas. Cárdenas encarnaría ese cesarismo progresivo. Ora, estas categorías son válidas para aplicar a Bolsonaro? Ben, ese é un debate interesante, o de determinar se Bolsonaro é un bonapartista ou é directamente un fascista. Non é exactamente o mesmo, porque o bonapartismo sempre implica certas concesións, certas alianzas.... O fascismo, en troca, costuma estar caracterizado por un réxime de extrema violencia. Teño a impresión de que Bolsonaro é como un camiño intermedio. 

-O fascismo é un fenómeno político anti-liberal.

-Claro, o tema é que el en economía é un neoliberal furioso, mais nas súas formas políticas e culturais retoma a peor herdanza do fascismo europeo e dos estados da contra-insurxencia latinoamericana. Combina o ataque furioso contra o comunismo, contra o movemento sindical, e engádelle o racismo, a xenofobia, a misoxinia...Un extremista que é como un Le Pen bananeiro. Un extremista europeo mais nas condicións de América Latina. Como chega? Coido que o PT cometeu un grave erro, o de acreditar demasiado na institucionalidade. Aceptou que Lula non fose candidato. Lula non resiste, é certo que primeiro se refuxia na sede do sindicato metalúrxico, mais logo se acaba entregando á xustiza. O PT tiña a esperanza de que a xustiza ía finalmente permitir a Lula ser candidato.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x