EDURNE GOIKOETXEA, NAI DUNHA DAS MOZAS DE ALTSASU

"Hai moito interese en manter certa tensión en Euskal Herria"

"Hai moito interese en manter certa tensión en Euskal Herria"
Imaxe: Nació Digital
Imaxe: Nació Digital  

Edurne Goikoetxea, membro de Altsasu Gurasoak, participa da mesa “Liberdades, dereitos civís e dereitos humanos en perigo na sociedade actual”, dentro da xornada organizada este sábado pola eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e a Universidade da Coruña. Aproveitando a súa estanza na Galiza, conversamos coa nai de Ainara Urquijo, unha das mozas de Altsasu condenadas pola pelexa nun bar con axentes da Garda Civil.


En que situación se atopan as mozas e mozos de Altsasu?

Após pasar o xuízo iniciado en abril de 2018 e logo dos recursos na Audiencia Nacional, o outro día saíu a resolución e deixan practicamente todo igual, agás o caso de Iñaki [Abad], ao admitir que o condenaron por erro a máis anos de cadea dos que correspondían e baixáronlle a condena a seis anos de cadea. O resto quedan como estaban: 13 anos a Oihan [Arnanz]; 12 anos a Jokin [Unamuno] e Adur [Ramírez]; nove anos a Jon Ander [Cob], Julen [Goikoetxea] e Aratz [Urrizola] e dous anos a Ainara, a miña filla.

Unhas condenas desproporcionadas a todas as luces.

Tendo en conta que ao final non foi considerado terrorismo e que a Garda Civil e a xuíza de instrución utilizaron o tema do terrorismo para levar o caso á Audiencia Nacional e para que fose excepcional… Desde o primeiro momento, estamos pagando as consecuencias de facer excepcional o caso. Todas as penas son esaxeradas. Tres dos rapaces levan máis de 800 días no cárcere.

"Existe a crenza de que canto máis nos dan aos vascos máis votos vai levar a dereita española"

A que se debeu esa excepcionalidade?

A que estamos en Altsasu e hai moito interese en manter certa tensión en Euskal Herria e porque así xustifican moito diñeiro e moitos cartos. Existe a crenza de que canto máis nos dan aos vascos máis votos vai levar a dereita española. A partir disto, fixeron un relato que non se corresponde coas probas. Foi o relato que quixeron desde a instrución. Denegáronnos moitas probas e testemuñas. No recurso admitíronnos algunha, mais a lectura é a mesma desde o primeiro momento. O xuízo foi unha tomadura de pelo.

De feito, até o xuíz Baltasar Garzón, látego da esquerda abertzale, se pronunciou publicamente para cualificar o caso de disparate xurídico.

Claro que foi un disparate e a investigación foi nula. Ningún deles ten un delito concreto. Fixeron unha mestura de todo e de aquel barro, estes lodos, todos terroristas.

"Fixeron unha montaxe sobre Altsasu"

Que mudou desde outubro de 2016 en Altsasu?

Aínda estamos máis unidos. Antes xa nos levabamos ben, fronte a todo o que se veu contando. Eramos un pobo unido que facía moitos festexos que nada tiñan a ver coa ideoloxía e agora estamos máis unidos. A xente pregúntache pola rúa “como están os críos?”, “Como van os nosos mozos?”. Percíbeos como parte. Fixeron unha montaxe sobre a vila. Dicían que alí non se podía vivir e a xente está moi enfadada. Aquí vivimos moi tranquilos e moi ben. Eu síntome arroupada polo 99,9% da poboación, por xente que pensa coma min e por xente que pensa diferente. Non fai falta que ninguén veña ensinarnos como convivir porque nós xa convivimos.

Como se atopan os mozos?

Están asimilando todo. Non tiñamos esperanzas, porque coa Audiencia Nacional nunca se poden ter esperanzas, mais sempre algún ten unha luz un pouco máis acendida. Agora, ao estaren xuntos, poden asestar o golpe todos eles, menos a miña filla, que está fóra. Nós, como pais e nais, o primeiro que fixemos foi unirnos para asimilalo en unidade.

"Pegárona ao cristal, pedíronlle o teléfono móbil e mais o debuxo de desbloqueo e comunicáronlle que estaba detida. Conseguín falar con ela cando estaba por Tres Cantos"

Como recibe a noticia da detención da súa filla?

Non a recibín. Ainara saíra facer prácticas de auxiliar clínica a un centro de maiores en que traballaba, en Agurain, unha vila de Áraba. O seu mozo chamárame ás 8.15 horas para preguntarme se Ainara fora a Agurain. Dixérame que cando el saíra da casa para o traballo atopara moitísimos axentes da Garda Civil e que Ainara non contestara os seus whatsapp. Foi ver se estaba o seu coche na casa e non estaba. Cando me confirmaron que estaba detida –e levaba desde as 7.45 horas– eran as 12.20 horas. Despois souben que a seguiran desde a porta da casa ao centro do traballo e que cando aparcou puxeron un coche da Garda Civil a cada lado e outro detrás. Pegárona ao cristal, pedíronlle o teléfono móbil e mais o debuxo de desbloqueo e comunicáronlle que estaba detida. Conseguín falar con ela cando estaban á altura de Tres Cantos (Madrid), camiño da Audiencia Nacional. Á miña casa nunca chegou notificación ningunha e iamos tendo coñecemento das noticias a través dos medios de comunicación. As filtracións á prensa foron unha constante. Sabían máis determinados medios que os nosos avogados.

Desde o primeiro momento, solicitaron a liberdade das persoas afectadas.

Pedimos que estean na rúa. É unha pelexa de bar da que fixeron unha montaxe e nada ten a ver co terrorismo. Semella que se quere volver atrás cando en Euskal Herria avanzamos de páxina e para iso precisan cabezas de turco que xustifiquen a súa maneira de actuar. Nese contexto, decidiron que as nosas fillas e fillos, que son de Altsasu, unha vila que non queren e coa que actúan con odio, fosen os pagáns.

Mozas e mozos sen antecedentes penais.

Ningún deles tiña antecedentes.

"Calquera pode ser considerado terrorista. Só é necesario que se diga que trataches de saltar a orde constitucional ou que trataches de alterar gravemente a orde pública"

E como se chega até aquí?

Que o caso se levase até a Audiencia Nacional foi posíbel polo artigo 573 do Código Penal, que mudou no seu punto un, no que a xente coñece como lei antixihadista. Desde a mudanza, non fai falta formar parte de ningún grupo para ser considero terrorista. Manténdose ese artigo, calquera de nós pode ser considerado terrorista. Só é necesario que se diga que trataches de saltar a orde constitucional ou que trataches de alterar gravemente a orde pública. É, en definitiva, un aviso a navegantes. É necesario mudar ese artigo. O 578 tamén nos afecta polas multas que nos caeron, mais o realmente grave é a mudanza do artigo 573, que pode facer un dano inmenso.

Recentemente, o polémico xornalista español Eduardo Inda entrevistou Pablo Casado no bar Koxka de Altsasu, onde tivo lugar a pelexa en outono de 2016.

Si, é onde din que se fixo un “corredor da morte” de 25 persoas… aquí debemos multiplicarnos como as setas [ironiza]. Preténdese sacar unha rendibilidade política a todo o que aconteceu. Póñennos no punto de mira, mais eles saberán o que perseguen, porque o pobo de Altsasu segue unido. De momento, non lles sae ben ningunha das súas provocacións.