ENTREVISTA NA CADEA

Iglesias, após a súa reunión con Junqueras en Lledoners: "O Goberno sabe o que ten que facer"

Iglesias, após a súa reunión con Junqueras en Lledoners: "O Goberno sabe o que ten que facer"
Iglesias, á saída da reunión con Junqueras [Foto: Albert Alemany, NacióDigital.com]
Iglesias, á saída da reunión con Junqueras [Foto: Albert Alemany, NacióDigital.com]  

Oriol Junqueras transmitiu esta sexta feira a Pablo Iglesias, na súa entrevista na cadea de Lledoners, que ERC non apoiará os orzamentos pactados polo PSOE con Podemos salvo que desde o Goberno español se faga algún aceno aos presos independentistas cataláns. Así o comunicou, en funcións de portavoz de Junqueras, Joan Tardá, portavoz de ERC no Congreso. Iglesias dixo que a reunión con Junqueras fora ben, pediu a saída dos presos da cadea e afirmou: "O Goberno sabe o que ten que facer".


Había unha considerábel expectación perante a visita de Pablo Iglesias a Oriol Junqueras na cadea de Lledoners. Unha entrevista de grande carga política, nun contexto marcado polo feito de os orzamentos pactados polo Goberno Sánchez con Unidos Podemos dependeren dos votos republicanos para saíren adiante no Congreso dos Deputados.

A mensaxe que enviou ERC ao termo da reunión foi moi nidia: ao non ter habido até o momento ningún movimento do Goberno español en relación á situación dos presos independentistas, a posición de partida da formación soberanista catalá é a de non dar apoio aos orzamentos.

Por súa parte, e en declaracións á imprensa á saída da prisión, Pablo Iglesias, sen ser moi explícito, si que deixou entrever que na súa opinión A Moncloa ten pezas que xogar no taboleiro para arrancar o si de ERC ás contas: "O Goberno sabe o que ten que facer. Nós fixemos o noso traballo, agora quen ten negociar en nome do Goberno é o goberno. Nós traballamos e moito. Agradezo a ERC que queira falar de todo".

O líder de Podemos resumiu graficamente a política da formación morada en relación a Catalunya: "Nunca partillamos a estratexia do independentismo, mais defendemos en todos os cantos de España que deberían estar en liberdade".

A estancia de Iglesias en Lledoners prolongouse por espazo dunhas tres horas. Non só falou con Junqueras, senón que tamén se viu co resto de líderes soberanistas presos.