SEN CITAR A FONTE

Iglesias pídelle explicacións a Sánchez por copiar e pegar fragmentos dunha conferencia

Iglesias pídelle explicacións a Sánchez por copiar e pegar fragmentos dunha conferencia
Imaxe dun dos encontros Sánchez-Iglesias
Imaxe dun dos encontros Sánchez-Iglesias  

Aparentemente superado o affaire do seu máster, Sánchez lida agora cun novo asunto con aspecto de escándalo: o copia e pega de fragmentos dunha conferencia dun diplomático no seu libro La nueva diplomacia de la economía española, do que é coautor o economista Carlos Ocaña. Sánchez usou ese texto sen citar a fonte. A estratexia defensiva da Moncloa pasa por falar de "erro involuntario". Ciudadanos pide a comparecencia do titular do executivo. Podemos non apoia a moción.


O uso de fragmentos dunha conferencia do diplomático Manuel Cacho nun libro de Pedro Sánchez abriu fendas entre o goberno do PSOE e o seu principal soporte parlamentar, o grupo Unidos Podemos máis as confluencias (entre elas En Marea) que lidera Pablo Iglesias.

Iglesias —que esta semana recuperou protagonismo durante a comparecencia de Aznar no Congreso— cualificou de "bastante cutre" o emprego dun texto sen indicar ás persoas lectoras a súa procedencia. "Non responde aos estándares de calidade académica que haxa parágrafos incluídos sen citar axeitadamente", dixo, para a seguir enfatizar que Sánchez tería que dar explicacións.

Non cre, porén, que as teña que dar no formato dunha comparecencia parlamentar, o que rebaixa o grao de presión a Sánchez. Quen si pensa que o presidente do Goberno debe explicar o asunto desde a tribuna do Congreso é Albert Rivera, quen demanda ao inquilino da Moncloa que compareza a petición propia. Apela á vontade do líder socialista porque Cs carece de votos suficientes, mesmo aínda que obtivese o apoio do PP, para forzar a dación de contas na cámara baixa. 

Sánchez só se vería forzado a comparecer se tamén votasen con Cs e PP as e os deputados liderados por Iglesias.