AÍNDA POR ESCLARECER AS CIRCUNSTANCIAS EN QUE MORREU O FISCAL QUE INVESTIGOU CFK

Imputan a Cristina Kirchner pola denuncia que Nisman deixou antes da súa non esclarecida morte

Imputan a Cristina Kirchner pola denuncia que Nisman deixou antes da súa non esclarecida morte
Cristina Fernández Kirchner
Cristina Fernández Kirchner  

Continúa o trhiller arxentino. Aínda non esclarecida a morte do fiscal Nisman -suicidio? asasinato?-, o maxistrado que o relevou no cargo resolve dar continuidade ao caso e na mesma dirección.



Gerardo Pollicita, o fiscal que herdou a causa deixada abruptamente por Nisman, falecido en estrañas circunstancias o día antes de comparecer no Congreso, acha tamén que existen razóns para imputar a Cristina Fernández Kirchner polo encobrimento de funcionarios iranianos e dun membro de Hezbolá polo atentado que en 1994 matou en Bos Aires 85 membros da comunidade xudea na capital da Arxentina.

Nisman construíu a súa denuncia sobre a base de escoitas telefónicas que o levaron á conclusión de que a Administración Kirchner pactara con Teherán a impunidade dos autores do atentado en troca de obter vantaxes nas relacións comerciais co país asiático (basicamente facerse con petróleo a bon prezo a cambio de colocar cereais en Irán).

A versión da Administración Kirchner é que Nisman era un pión dun sector dos servizos secretos arxentinos conectado coa CIA e o Mosad israelí e que foron estes, e non el, os que desde o principio deseñaron unha causa contra Irán e contra o goberno peronista.

Nisman desapareceu da escena a véspera da súa comparecencia no Congreso, cámara á que ía dar conta da súa denuncia contra CFK, o acrónimo co que é coñecida a presidenta de Arxentina. O corpo de Nisman apareceu sen vida no baño da súa casa, no que tiña todo o aspecto de ter sido un suicidio. As investigacións posteriores non teñen permitido o total esclarecimento do suceso. Si que se saben algunhas cousas. A saber: 1.-A autopsia sinala que non houbo intervención de ningunha outra persoa na escena da morte; 2.-Non se detectaron rastros de pólvora na man do fiscal, embora se considera que a pistola utilizada é tan pequena que podería non os deixar; 3.-Posteriormente, descobríronse restos de ADN doutra persoa no piso de Nisman.

O kirchnerismo entende que Nisman foi instigado ao suicidio polo mesmo sector dos servizos de intelixencia que o utilizaron na súa campaña contra Irán e CFK. Que nun momento determinado sabía demasiado como para continuar con vida.

O kirchnerismo entende que Nisman foi instigado ao suicidio polo mesmo sector dos servizos de intelixencia que o utilizaron na súa campaña contra Irán e CFK

Nese sentido, hai dous personaxes chave nesta historia. O primeiro é Antonio Jaime Stiusso, antigo director do Grupo de Operacións da Secretaría de Intelixencia, purgado por Cristina Fernández en decembro pasado. Un axente que viviu nos sumidoiros do estado durante máis de 4 décadas, ditadura militar incluída. Con moi boas conexións coa CIA e o Mosad. Stiusso tería sido o inspirador das investigacións de Nisman. Mas a día de hoxe, e pese ás acusacións que recebe da Casa Rosada, non ten sido imputado na causa.

O outro personaxe chave é Diego Lagomarsino, informático ao servizo da fiscalía, extraordinariamente ben pago [a súa retribución, por apenas ir fisicamente ao traballo, superaba os 4.000 euros/mes]. Foi a persoa que lle entregou o revólver a Nisman. Isto é un delito sendo que o fiscal non tiña licenza de armas.

Lagomarsino, segundo a versión que manexa o entorno da presidenta, sería tamén un home de Stiusso.

Mentres, na oposición -basicamente atrincheirada nos diarios Clarín e La Nación- as cousas vense de forma moi distinta, sen dar crédito á versión da Casa Rosada e pondo moi en cuestión a investigación da morte de Nisman por parte da fiscal Viviana Fein. 

A ex muller de Nisman non acredita na tese do suicidio e demanda a intervención da OEA na causa

A propia ex muller de Nisman Sandra Arroyo Salgado, avogada e no seu día nomeada xuíza federal por Néstor Kirchner, non acredita na tese do suicidio e esta mesma sexta feira demandou a intervención da OEA na causa. 

Así as cousas, e coa morte de Nisman aínda por se resolver, o seu sucesor ve que os indicios que este acumulou son suficientes para imputar a presidenta, embora non demanda que CFK sexa interrogada, o que si facía o fiscal desaparecido.

Gerardo Pollicita o que quer é que se practiquen unha serie de probas complementares que permitan dilucidar se os cargos de Nisman estaban ben fundamentados.

O trhiller continúa e a 10 meses dunhas eleccións cruciais para o país. O goberno considera que todo fai parte dunha montaxe golpista para desestabilizar o país, coa CIA movéndose entre bambalinas.