AS CANDIDATURAS A PROL DO DEREITO A DECIDIR CONSEGUIRÍAN ENTRE 71 E 78 DEPUTADOS

O independentismo acadaría a maioría absoluta o 27-S, segundo os últimos inquéritos

O independentismo acadaría a maioría absoluta o 27-S, segundo os últimos inquéritos
Artur Mas é o número 4 de Junts pel Sí
Artur Mas é o número 4 de Junts pel Sí  

As sondaxes danlle a Junts pel Sí e ás CUP perto do 50% dos votos


Os últimos inquéritos publicados hoxe polos xornais El País, La Vanguardia e ABC outorgan ás candidaturas favorábeis ao dereito a decidir a maioría absoluta dos 135 escanos que compoñen o Parlamento catalán. As prospeccións reflicten asemade un repunte do independentismo os mesmos días nos que se intensificou, tanto no ámbito estatal como no europeo e mesmo internacional, a campaña antisoberanista.
A enquisa de Metroscopia elaborada para El País apunta a que a candidatura de Junts pel Sí, integrada por Convergència e Esquerra Republicana de Catalunya lograría entre 66 e 67 escanos, isto é, a un ou dous deputados de obter a maioría absoluta no Parlament. A estes resultados hai que sumar os 10 ou 11 escanos que sacarían as CUP, a outra opción política a prol do dereito a decidir. En porcentaxe de voto, as dúas listas situaríanse a só unhas décimas do 50% (41,2% e 8,4%, respectivamente, para Junts pel Sí e CUP). Ademais, o estudo demoscópico recolle o ascenso de Ciutadans, que con perto do 15% dos votos acadaría 19 deputados, superando así ás outras dúas forzas contrarias ao dereito a decidir, o PSC (14 escanos e menos do 12%dos votos) e o PP, que baixaría a 10 deputados e ao 7,3% dos sufraxios. Os escindidos de Unión poderían ficar fóra do Parlament, con apenas o 2,7% dos votos emitidos.

Unió, que concorre por vez primeira en solitario trala escisión de CiU podería ficar fóra do Parlament

Pola súa banda, La Vanguardia dálle a Junts pel Sí o 40,7% dos votos, que se traducen nun número de escanos que oscilaría entre os 63 e os 65. As CUP, cun 6,4% dos sufraxios, obtería 8 escanos, que sumados aos da lista de CiU e ERC farían un total de,cando menos, 71 deputados, maioría absoluta. O inquérito elaborado pola empresa Feedback revela asemade o ascenso de Ciutadans. O partido de Albert Rivera sacaría 20 ou 21 escanos, superando así os das outras opcións contrarias ao dereito a decidir: Catalunya si que es pot (Podemos e Iniciativa), con entre 13 e 15 deputados; PSC, de 12 a 14, e PP, entre 12 e 13. A Unió de Durán i Lleida obtería 3 sillóns no futuro Parlament. 
A terceira prospección publicada hoxe, a do diario conservador ABC, sitúa o número de escanos soberanistas entre os 72 e os 76 (65-67 para Junts pel Sí e 7-9 para as CUP). Tamén consagra a Ciutadans como principal partido españolista, con 18 ou 20 deputados, seguido do PSC, con 14-16, e Catalunya Sí que es Pot e Partido Popular, con 12 ou 13.