BARÓMETRO CEO

O independentismo catalán podería gañar até cinco escanos máis no caso de novas eleccións

O independentismo catalán podería gañar até cinco escanos máis no caso de novas eleccións

O barómetro do Centre d'Estudis d'Opinió sinala que JxCat caerá a 30-32 deputados e ERC, ata 29-32, pero o CUP medra ata 11, o que permitiría ampliar a maioría absoluta dos partidarios independentistas.


As formacións independentistas (JxCat, ERC e CUP) repetirían a súa maioría no Parlament se houbese eleccións pero dunha forma máis ampla. Obterían entre 70 e 75 deputados, por riba dos 68 necesarios para a maioría absoluta. Porén, Ciudadanos, con Inés Arrimadas, volverían ser a primeira forza, aínda que con Puigdemont e Junqueras moi perto.

 

Segundo o barómetro do Centro de Estudos de Opinión (CEO), o impulso do movemento independentista sería grazas ao aumento da CUP, que pasaría de catro a once escanos, o mellor resultado na súa historia. Pola contra, Junts per Catalunya e ERC retrocederían, até 30-32 e 29-32 deputados, respectivamente. Entre as dúas formacións, en calquera caso, o empate técnico permanece: a lista de Puigdemont volvería superar a de Junqueras en número de escanos mais os republicanos impóñense na votación estimada, 20,5 fronte 19,8 de JxCat

 

48% dos cataláns son favorábeis á independencia de Cataluña, mentres que 43,7% rexeitan esa opción segundo este último barómetro. A opción de independencia dispárase a respecto da enquisa anterior, a do mes de febreiro: agora hai oito puntos porcentuais máis de apoio á independencia que daquela. No barómetro anterior, os opostos a Catalunya como estado independente eran 53,9% e a opción independentista obtivera 40,8% dos apoios.

 

No que se refire ao modelo territorial preferido para Cataluña, pregunta na que hai máis de dúas opcións de resposta, tamén se impón a opción do estado propio para Catalunya: 40,8% dos cataláns optarían por este modelo hoxe, mentres que 24% prefire un Estado dentro dunha España federal.

 

Doutra banda, a opción de manter o status quo quedaría en 22,4%. Os partidarios dunha rexión dentro dun estado unitario son de novo a opción máis minoritaria, co 6,3% dos apoios.



x