Inquéritos a pé de urna dan unha clara vitoria ao SNP en Escocia e a Cameron en Westminster

Inquéritos a pé de urna dan unha clara vitoria ao SNP en Escocia e a Cameron en Westminster
Nicola Sturgeon, líder do SNP
Nicola Sturgeon, líder do SNP  

Os inquéritos a pé de urna, que foron moi certeiros en 2010, outorgan unha incontestábel vitoria ao Conservative Party no Reino Unido.  O SNP obtería un resultado histórico -faríase con 58 dos 59 escanos en xogo.


As exit polls -publicadas por volta das 23 horas, hora galega- deitaron un resultado moi surprendente. Os tories gañarían con moita clareza as eleccións lexislativas, ao obter 316 asentos en Westminster, 10 por debaixo da maioría absoluta. Os laboristas ficarían moi lonxe do partido de Cameron, terían de se conformar con 239 escanos, unha marca desastrosa para Ed Miliband, seguramente a súa acta de defunción política.

O SNP sería o outro grande vencedor da noite, ao se facer con 58 dos 59 escanos en xogo en Escocia. Porén, as urnas teríanlle negado o rol de árbitros en Westminster, mais non pola súa culpa, senón pola debacle laborista. No bando dos perdedores, indiscutibelmente os Lib Dem de Nick Clegg. Os parceiros de goberno de Cameron só reterían 10 escanos. Todo apunta a que foron vítimas dunha sorte de voto útil en favor do Conservative Party. A estratexia dos conservadores de axitación do medo perante un eventual acordo Labour Party-SNP -Cameron optou por se envolver na bandeira durante a campaña- tería dado os seus froitos.