A irrupción de Vox arrebata ao PSOE o seu feudo e a dereita suma a maioría absoluta en Andalucía

A irrupción de Vox arrebata ao PSOE o seu feudo e a dereita suma a maioría absoluta en Andalucía
Santiago Abascal, líder de Vox, durante a campaña
Santiago Abascal, líder de Vox, durante a campaña  

Un partido que defende a virtual eliminación das comunidades autónomas obtivo este domingo 12 escanos no Parlamento andaluz e pulverizou así a hexemonía do PSOE, unha formación imbatida até agora en todas as convocatorias electorais durante 36 anos no territorio máis populoso do estado. A irrupción de Vox contribuíu para unha histórica, por inédita, maioría absoluta da dereita en Andalucía. Debacle do PSOE de Susana Díaz, moi penalizado por unha alta abstención. Podemos e IU obtiveron xuntos menos votos e escanos que por separado.


A dereita arrebata Andalucía ao PSOE e faino cunha fórmula sen precedentes, un eventual tripartito que vai da extrema dereita ao centro conservador. Vox consegue 12 escanos no Parlamento que se sumarían aos 26 do PP e aos 21 de Ciudadanos. Total, 59, 4 por enriba da maioría absoluta. En troca, o PSOE cedeu 14 actas e ficou en 33. Adiante Andalucía (a coligazón entre Podemos e Izquierda Unida) obtivo 17 asentos na cámara, tres menos dos que en 2015 obtiveron por separado (15 Podemos e 5 IU).

Os resultados abalan absolutamente o taboleiro andaluz e provocan un sismo no estatal. É unha derrota que debilita o Goberno Sánchez, na primeira convocatoria electoral á que se submete após derrubar Mariano Raxoi na única moción de censura triunfante na historia do réxime de 1978. Deixa totalmente fóra de plano, iso si, a súa principal rival interna, unha Susana Díaz que na elaboración das listas deixou fóra o 30 por cento do partido socialista, aliñado internamente con Sánchez. Non poucos analistas ven nese factor interno unha das causas do mal resultado do PSOE este 2D.

Ningún inquérito previu unha irrupción tan brutal de Vox na cámara. Máis do 10 por cento do voto, 12 escanos, sen dúbida favorecidos polo feito de que nin o PP nin Ciudadanos combateran esa marca durante a campaña. Máis ben ao contrario, branqueárona ao se negaren a ubicala na extrema dereita e ao naturalizar a hipótese dun acordo tripartito das dereitas.

A vitoria da dereita esfarela tamén o mito de que un espazo ideolóxico só pode gañar as eleccións se concorre o máis unido posíbel. Desta volta, eran tres as opcións conservadoras —PP, Cs e Vox— e con esa configuración obtiveron case 50 por cento do electorado. Por contra, as forzas progresistas apenas conseguiron 45,45 por cento, resultado da suma dos votos obtidos polo PSOE e por Adiante Andalucía.

En todo caso, o PP podería obter a presidencia do goberno andaluz a pesar de caer moi significativamente, cedeu até 7 escanos a respecto de 2015. Parte dese voto foi a Ciudadanos, que sobe 12 asentos (de 9 a 21), e tamén a Vox, que pasa de cero a 12.



x