Israel volve bombardear a Franxa de Gaza

Israel volve bombardear a Franxa de Gaza
[Imaxe: SG] Ataque aéreo en Gaza
[Imaxe: SG] Ataque aéreo en Gaza  

A aviación israelí bombardeou a Franxa de Gaza a partir das 18 horas da segunda feira con ducias de ataques, entre eles, o da oficina de Ismail Hanniya, xefe da área política de Hamás.


Israel volveu bombardear Gaza. Fíxoo na tarde da segunda feira e intensificou os ataques a partir das 18 horas. Un dos obxectivos foi a oficina de Ismail Hanniya, un dos responsábeis de Hamás, que non se atopaba no lugar.

A aviación israelí atacou posicións de Hamás mais non só. Tamén edificios civís, incluídos ministerios. Israel acusou a Hamás de lanzar mísiles. A organización palestina advertiu de que responderá con contundencia se Israel cruza “as liñas vermellas”.

Acordouse un cesamento do fogo grazas, segundo medios palestinos, á mediación de Exipto. Durante o mes de marzo repetíronse os ataques aéreos na Franxa de Gaza que deixaron unha ducia de persoas falecidas. Hamás desmentiu estar detrás do disparo de mísiles desde Gaza e asegurou que non busca aumentar a escalada de tensión con Israel.

Altos do Golán

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, atopábase en Washington durante os ataques. Precisamente, o presidente estadounidense, Donald Trump, asinara na segunda feira o decreto que recoñece a suposta soberanía de Israel sobre o territorio en Siria dos Altos do Golán, ocupado desde 1967.

O anuncio de Trump vai na mesma liña do recoñecemento dos EUA á suposta de soberanía de Israel sobre Xerusalén.