Italia xa ten goberno: Conte será presidente nunha coalición con Di Maio e Salvini

Italia xa ten goberno: Conte será presidente nunha coalición con Di Maio e Salvini
O presidente da República de Italia, Sergio Mattarella, durante unha visita internacional.
O presidente da República de Italia, Sergio Mattarella, durante unha visita internacional.  Kremlin

O movemento antisistema M5S e o partido de extrema dereita Liga Norte desbotan o nomeamento de Paolo Savona como ministro de Economía para garantir a aprobación do presidente da República


Os líderes do Movemento 5 Estrelas e da Liga, Luigi di Maio e Matteo Salvini, acordaron esta quinta-feira unha formación dun goberno político en Italia que evitará que o país pase por novas eleccións. O pacto ten lugar após de que o presidente da República, Sergio Mattarella, tombara a proposta que incluía Paolo Savona -crítico co euro- como ministro de Economía e Finanzas. O posto será ocupado por Giovanni Tria.

Despois de ter rexeitado a proposición de goberno que incluía Savona como ministro, Italia entrou nunha crise institucional que puña en perigo a formación de goberno e abocaba o país a unhas novas eleccións. Na altura, Di Maio solicitara a Salvini considerar resituar o euroescéptico dentro da proposta. Logo dunha reunión en Roma, o líder da Liga Norte acabou por ceder e Savona foi reasignado para a carteira de Asuntos Europeos.

Giovanni Tria será, pois, o próximo responsábel do Ministerio de Economía. Presidente da Escola Nacional de Administración Pública, Tria mantén certas posturas en común con Savona en materia da Unión Europea e a súa política da moeda única, mais sen chegar a cuestionar completamente o sistema do euro. Pola contra, Tria defende que os problemas do euro “deben ser compensados con transferencias orzamentarias entre os países". "O grande perigo do euro é a implosión, non a saída”, afirmaba nun artigo coasinado co deputado de Força Italia, Renato Brunetta.

Di Maio e Salvini serán vicepresidentes do goberno ao tempo que ocupan a carteira de Benestar e de Interior, respectivamente. A toma de posesión estaba programada para ser efectuada na mañá desta sexta feira, e haberá que agardar até os primeiros días da próxima semana para a aprobación do Parlamento.