JOHN BRADY, DEPUTADO POLO SINN FÉIN NO PARLAMENTO IRLANDÉS

"O Brexit pode acabar converténdose nunha oportunidade para avanzar na loita cara a unha Irlanda unida"

"O Brexit pode acabar converténdose nunha oportunidade para avanzar na loita cara a unha Irlanda unida"
Imaxe: An Phoblacht
Imaxe: An Phoblacht  

O deputado irlandés John Brady (1973) está en Galiza para participar nunhas xornadas sobre o futuro das pensións que decorren en Compostela, organizadas polo grupo GUE/NGL e a eurodeputada Lidia Senra. Falamos con el da Irlanda post-intervención da Troika, de Brexit ou do papel do republicanismo irlandés no século XXI.


Deputado no Parlamento de Irlanda desde 2016 polo Sinn Féin, onde é o portavoz dos republicanos en Política Social, John Brady está en Galiza para tomar parte nas xornadas ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’, organizadas polo grupo de Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), a eurodeputada Lidia Senra e o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas.

Cal é a situación das pensións na República de Irlanda?

O sistema de pensións irlandés  sufriu moitos cambios desde 2012, un deles afectou nomeadamente ás mulleres e provocou que 67.000 mulleres pasesen a cobrar pensións moito máis baixas das que viñan recibindo. Entre 2009 e 2015, coa escusa da crise, houbo moitos recortes e isto o que fixo foi empobrecer a poboación irlandesa.

Nós somos de esquerdas e non nos desculpamos por iso. Apostamos no común, na xente e niso é no que focamos as nosas políticas

Irlanda foi intervida pola Troika, que impuxo recortes non só nas pensións mais tamén noutros campos. Cales foron as consecuencias das medidas aplicadas?

Os recortes afectaron moito ao sistema de protección social, cebouse en prestacións e axudas para persoas dependentes, tamén en prestacións que había para axudar a pagar servizos básicos, como a luz. Ademais, impúxose un retraso na idade de xubilación que se fixou en 66 anos e en 2021 será xa de 67 e en 2028 de 68 anos. Foron, logo, moitos recortes, que si que golpearon a poboación e nuns anos, ademais, nos que se destinaron miles de millóns de euros a resgatar a banca. Paradoxalmente, o ministro do goberno irlandés que tivo que impoñer esta política de recortes era membro dun sindicato. Realmente, as persoas que máis sufriron a crise foron as persoas dependentes, as familias monoparentais… E todo iso en que deu? Un incremento notábel da pobreza.

Mais e paralelo a estas medidas e políticas de recortes deuse unha resposta da sociedade irlandesa, con participacións masivas comofoi o caso da loita contra o imposto sobre a auga…

Efectivamente. O intento de cobrar impostos na auga fixo que houbese unha gran mobilización popular, esa cuestión foi a pinga que rebordou o vaso, a xente estaba xa cansa e farta dos múltiples recortes aplicados e esa loita, en torno á auga, uniu a xente e mobilizou moito. Aí confluímos diferentes partidos, sindicatos, colectivos… Foi un movemento que non ía só contra a suba da auga senón que era contra todas as políticas de austeridade. Esa batalla, a da auga, gañouse, o goberno tivo que retirar a medida. Ao tempo creouse un movemento polo dereito ao cambio, unha plataforma antes das eleccións de 2016 e na que diferentes axentes políticos, sindicais e sociais puxémonos de acordo en torno a unha axenda mínima en torno a dereitos como sanidade, vivenda, educación… unha serie de temas chave para levar ao goberno, confiábase en que se podía gañar, en ter unha maioría de deputados, mais non foi así. Mais iso non significou que este movemento parase, o movemento segue.

Os dous partidos tradicionais na política da República (o Fianna Fail e Fine Gael) sitúanse na dereita conservadora un e no centro o outro. Hai marxe para que poida haber en Irlanda unha viraxe cara á esquerda?

Eses dous partidos en realidade, se analizamos as súas políticas, non se diferencian. Teñen a mesma axenda e prioridades neoliberais, a mesma aposta no sector privado. En vivenda, por exemplo, propoñen o mesmo,e é confiar e incentivar o sector privado e en Irlanda hai 10.000 persoas sen fogar, hai 4.000 crianzas que non teñen fogar, hai toda unha xeración que non se pode permitir mercar un piso… E o mesmo que na vivenda, tamén noutras cuestións, como sanidade: non hai apenas diferenzas entre Fianna Fail e Fine Gael.  Nós non estamos aí, nós somos de esquerdas e non nos desculpamos por iso. Apostamos no común, na xente e niso é no que focamos as nosas políticas.

Brexit. Afecta e non pouco a Irlanda, tanto á república como aos seis condados baixo soberanía británica…

É un desafío. Non só para Irlanda ou Reino Unido mais para toda Europa. A xente no norte [Irlanda do Norte]  votou para non marchar, votou ficar na Unión Europea. E ese voto debe ser respectado. Unha parte dos ‘unionistas’  tamén votou por ficar. Nós somos críticos con esta Unión Europea e as súas políticas mais a vontade dos norirlandeses expresada no referendo foi ficar. O Brexit vai formularnos moitos desafíos, como se vai xestionar iso? Vai haber que volver aos pasaportes? Vai haber unha fronteira [entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte] pura e dura ou algo máis laxo? Como vai afectar isto a toda a Illa?

Cal é o papel a xogar polo republicanismo no século XXI, tanto na República como nos seis condados?

Creo que o papel a xogar polo republicanismo agora é máis relevante ca en ningún outro momento da nosa historia. Hoxe en día, as decisión tomadas polos líderes irlandeses non están representando o pobo irlandés. Irlanda debería reunificarse, hai que poñer fin a esta división e aí o Brexit pode ser unha oportunidade para avanzar na loita cara a unha Irlanda unida, evidenciando que [Londres] non respeta a decisión da maioría dos norilandeses, hai que facer ver que unha Irlanda nova e unida é moito mellor para o pobo.



x