Juan Carlos de Borbón abdica para tentar salvar a monarquía española

Juan Carlos de Borbón abdica para tentar salvar a monarquía española
Borbón entrega ao presidente do goberno a carta na que abdica
Borbón entrega ao presidente do goberno a carta na que abdica  

O presidente do Goberno español anunciou cunha declaración institucional desde Moncloa que o monarca abdica. Será o seu fillo, Felipe de Borbón, actualmente príncipe de Asturias, quen asuma a xefatura de Estado. Téntase así salvar o réxime de 1978.


Mariano Rajoy anunciou esta segunda feira (2 de xuño) que o monarca español, Juan Carlos de Borbón, decidiu "deixar o trono". O presidente do goberno español compareceu perante os medios de comunicación nunha convocatoria de urxencia para trasladar através dunha declaración institucional a vontade da Coroa de dar paso ao príncipe Felipe como xefe de Estado.

Con toda probabilidade, esta mesma tarde farase público o texto da Lei Orgánica que a Constitución española exixe --no artigo 57.5-- para se producir o traspaso de poderes e a proclamación de Felipe de Borbón como rei. Neste senso, agárdase que a coroación deste se desenvolva nos próximos 8 ou 10 días.

O Consello de [email protected] reunirase esta terza feira para aprobar a Lei Orgánica que exixe a Constitución nunha abdicación ou renuncia monárquica

A decisión adoptada prodúcese nun momento de grande crise institucional no Estado español, da que non fica exenta a monarquía.  Desta maneira a Coroa procura coa abdicación do Borbón iniciar a "transición" cara a coroación do seu fillo nun clima de "estabilidade institucional", recalcou o propio Rajoy.

Neste senso, o poder executivo reunirase --segundo anunciou o seu presidente-- "esta terza feira" para que "nun prazo moi breve", acrecentou Rajoy, "ao nomeamento da do príncipe de Asturias" como xefe de Estado.

O presidente do Goberno español auguraba que se poida “escribir esta páxina da historia cun clima sereno”. “Quero, como Presidente do Goberno, rendir homenaxe á persoa que durante 39 anos encarnou o punto de encontro dos españois e símbolo da democracia en paz”, dixo Rajoy que destacou o seu papel na defensa da democracia “como valuarte cando a viu ameazada” amáis de ser o “mellor portavoz e imaxe de España por todo o mundo e defensor infatigábel dos dereitos dos españois”.

Convocadas concentracións ás 20.00h nas cidades do Estado

Así mesmo, Rajoy aproveitou a súa intervención para gabar a figura do príncipe Felipe do que dixo constitúe "unha sólida garantía" pola "súa preparación, carácter e experiencia". O sucesor da coroa será proclamado rei nun "proceso que se vai desenvolver con plena normalidade, como expresión máis da madurez da nosa democracia", salientou por terceira vez Rajoy na súa leitura.

Rubalcaba agarda "continuismo" 

O secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba cualificou a abdicación do Rei como “un dos feitos políticos máis importantes que se produciu no noso país despois da recuperación da democracia”. Rubalcaba afirma que culmina un “reinado que constituíu un compromiso inquebrantábel coa democacia e cos ereitos e liberdades dos españois”. 

Alén de reincidir na idea do “efecto e proximidade” de Juan Carlos, recoñécelle o seu “respecto á autonomía do poder político e á vontade dos españois expresada nas urnas”. Recurre á Constitución para establecer o procedemento paa a “sucesión na Xefatura do Estado”. Como no discurso de Rajoy Rubalcaba fai fincapé na “formación” do até agora Príncipe de Asturias que garantirá as “mellores condicións para que o reinado que agora vai iniciar constitúa un novo periodo de éxito na nosa convivencia colectiva”. Desde o PSOE deséxanlle “o maior acerto na responsabilidade que agora asume” e móstralle o seu “respecto” a Felipe de Borbón. Sen cuestionar en ningún momento o procedemento constitucional para a sucesión hereditaria, conta con que as previsións do texto aseguren “o mellor futuro para o noso país nos anos que agora iniciamos”. 

O BNG pola República Galega 

O BNG denuncia a “manobra que pretende garantir a súa continuidade, nuns momentos en que este réxime está a ser posto en cuesitón”. Define a monarquía como “anocranismo” o rexime “vitalicio” e “hereditario” por “graza de Deus”, incompatíbel co sistema democrático. Cuestiona tamén o BNG o papel da mornarquía “inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía”. 

Contra a “operación de cosmética” que se prepara coa maior brevidade posíbel, reclaman para Galiza a “liberdade e capacidade para decidir”, é dicir, “soberanía”. “Nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei” polo que reclaman un “proceso constituínte para a nación galega, na República Galega”, afirma a forza nacionalista nun comunicado previo a compadecencia de Xavier Vence, prevista para o fin desta mañá.