Kiev e a UE asinan o acordo que orixinou o conflito na Ucraína


Kiev e a UE asinan o acordo que orixinou o conflito na Ucraína

O goberno ucraíno e a Eurocámara asinaron un acordo de asociación. O Tratado de libre comercio adíase até 2016. 

A orixe do conflito na Ucraína, coa praza do Maidan ateigada de manifestantes, residía na decisión adoptada en novembro de 2013 polo daquela presidente, Viktor Ianukovytch, de non asinar o acordo de aproximación coa Unión Europea, negociado desde había cinco anos. Após dez meses, daquel feito, esta terza feira (16 de setembro) a Rada e o Parlamento europeo aprobaron a sinatura do acordo de asociación e a incorporación da Ucraína como un socio preferente nas relacións comerciais europeas. 

A creación dunha área de libre comercio entre ambos os dous blocos adiouse até 2016

O debate e votación na Eurocámara --que se desenvolveu conxuntamente con Kiev através dunha conexión por videoconferencia-- non estivo exenta de confrontación. Neste senso, o grupo parlamentar da esquerda europea decidiu abandonar a sesión como mostra de rexeitamento polas relacións que a sinatura deste acordo estabelece entre Bruxelas e o goberno de Kiev. Un executivo que é froito dun golpe de Estado e que está participado por formacións da ultradereita. 

E é que este primeiro acordo suporá non só unha importante aproximación entre os dous blocos, senón tamén un chanzo máis na integración política e económica da Ucraína na Unión Europea. Aliás, o grosso do texto e, tamén, a súa parte máis conflitiva --o libre comercio-- fica adiado até comezos de 2016.

A sinatura do acordo de asociación afasta a Ucraína da área de influencia rusa

Esta decisión foi interpretada como unha medida preventiva á espera de a tensa relación entre Rusia e a Unión mellorar. Porén, as institucións comunitarias aseguran que foi unha petición das autoridades ucraínas para aproveitaren este tempo de demora de modo a faceren "máis competitivos" os seus produtos a respeito do mercado europeo. 

Sexa como for, esta área económica de libre comercio non se fará efectiva até dentro de dous anos o que permitirá á propia Federación rusa adaptar a súa economía perante o que semella un abandono da Ucraína da súa área de influencia. 

"Estamos corrixindo un erro que se cometeu hai 350 anos", afirmou na sesión parlamentar conxunta o primeiro ministro ucraíno, Arseny Iatseniuk, "Ucraína é Europa".