Kim Jong-un vese con Xi Jinping en Beijing nas vésperas da súa cimeira con Trump

Kim Jong-un vese con Xi Jinping en Beijing nas vésperas da súa cimeira con Trump
Kim Jong-un e Xi Jinping
Kim Jong-un e Xi Jinping  

Aos seus 34 anos e no poder desde 2011, Kim Jong-un, o líder norcoreano, aínda non se reunira con ningún estadista estranxeiro. A súa visita a Beijing, precedida dun alto grao de secretismo, remarca o carácter estratéxico que para Pyongyang ten a súa alianza con China, co que mantén 90 por cento do seu comercio. Kim teríase comprometido a avanzar na desnuclearización, mais cunha condición: que o desarmamento implique tamén a Washington e Seúl.


Nos últimos anos, e moi nomeadamente desde Kim Jong-un alcanzar o topo do poder en Corea do Norte, os lazos entre Pygongyang e Beijing fóronse afrouxando, até o ponto de China ter apoiado sancións económicas, no Consello de Sguranza de Nacións Unidas, contra o seu tradicional aliado. O encontro de Beijing abre un novo capítulo nas relacións e ten a ver con dous factores básicos. O primeiro, a ofensiva diplomática lanzada desde o comezo deste 2018 por Kim Jong-un, e que se ten saldado coa organización de cimeiras co líder sul-coreano Moon Jae-in (prevista para comezos de abril) e co presidente dos EUA Donald Trump, aínda por axendar mais todo apunta a que será a finais de maio. O segundo, a necesidade de Beijing de xogar un papel decisivo na pacificación da península coreana, unha das prioridades estratéxicas da axenda de Xi Jinping.

A segunda feira ruxe-ruxes chegados desde Beijing apuntaban a unha visita surpresa de Kim Jong-un. A chegada dun tren blindado desde Pyongyang e as impresionantes medidas de seguranza adoptadas na capital chinesa abonaban a sospeita. Foron as axencias oficiais Xinhua -chinesa- e KCNA -norcoreana- os meios que finalmente confirmaron esta terza feira a presenza de Kim en Beijing. Xinhua rebaixaba a "privado" o carácter de visita -que non ten rango oficial- e informaba de que o líder norcoreano -acompañado da súa esposa- ficaría en territorio chinés por espazo de 4 días.


Mais por moito que Beijing quixese enfatizar o carácter privado da visita -que respondería a un convite realizado por Xi Jinping, a cimeira tivo un enorme impacto mediático, até o ponto de ser noticia de capa en meios globais de Occidente como The New York Times ou The Guardian. A intención de Xi Jinping -reforzado como líder após a Asemblea Nacional Popular ter eliminado a limitación de mandatos na Constitución chinesa- é a de remarcar perante o mundo que non vai aceitar ningún avanzo da influencia norte-americana na zona. Nese sentido, para Pyongyang non foi un suceso menor combinar a súa entrevista con Donald Trump. En boa parte esa cimeira obrigou China a facer un movimento e a retomar o control do taboleiro.

A intención de Xi Jinping é a de remarcar perante o mundo que non vai aceitar ningún avanzo da influencia norte-americana na zona

A partir daí, as fontes oficiais diferen un tanto no relato da cimeira. Xinhua enfatiza a aposta de Kim Jong-un e Xi Jinping pola desnuclearización da península coreana. A KCNA, en troca, elude na súa información calquera alusión a este asunto. Mais non hai dúbida de que o dossier nuclear foi o tema central das conversas.

Segundo fontes chinesas, Kim Jong-un si tería dito a Xi Jinping que está disposto a eliminar o seu armamento nuclear -Pyongyang realizou o pasado mes de setembro o seu sexto test con míseis inter-continentais- sempre e cando Washington e Seúl tamén avanzasen no desarmamento.

Para Pyongyang non foi un suceso menor combinar a súa entrevista con Donald Trump. En boa parte esa cimeira obrigou China a facer un movimento e a retomar o control do taboleiro

"Se Corea do Sul e os EUA responden con boa vontade aos nosos esforzos e crían unha atmosfera de paz e estabilidade, e toman medidas progresivas e sincronizadas para alcanzar a paz, o asunto da desnuclearización da península podería atinxir unha solución", tería afirmado Kim Jong-un segundo a axencia Xinhua.

Pyongyang -segundo fontes norteamericanas- dispón dun arsenal de por volta de 1.000 míseis de longo alcance, algúns deles -os Taepodong 2- con capacidade para atinxir obxectivos situados en solo norteamericano, a 8.000 quilómetros de distancia da península norcoreana.