Lapavitsas pide que Grecia esqueza o euro e se encamiñe cara á unha “nova moeda”

Lapavitsas pide que Grecia esqueza o euro e se encamiñe cara á unha “nova moeda”
Costas Lapavitsas
Costas Lapavitsas  

É unha das voces máis influentes da ala esquerda de Syriza.



Costas Lapavitsas é profesor de economía en Londres e membro do Parlamento heleno. É unha figura moi destacada da esquerda grega e a súa posición a respeito da eurozona é inequívoca desde hai anos: dentro dela non é posíbel realizar políticas alternativas e progresistas.

Nunha tribuna publicada en The Guardian, Lapavitsas argumenta que “cando Grecia se uniu á eurozona en 2001, a entrada produciuse sen un debate público adecuado e sen que ninguén explicase que a Unión Monetaria Europea envolvía un marco institucional moi severo e unha ríxida lóxica baseada na austeridade e na ideoloxía neoliberal”.

Na súa opinión, a eurozona “ten fracasado” como unión monetaria e iso porque Alemaña “ten mantido os seus salarios en parámetros baixos, o que lle ten permitido acumular largos superavits comerciais e converterse así no maior prestamista e no estado máis poderoso en Europa”. Por contra, Grecia “ten sido devastada” polas políticas impulsadas por Berlín e “só é cuestión de tempo que eses devastadores efeitos se fagan sentir tamén en países centrais da unión monetaria, como Francia e Italia”.

A insistencia do "sistema político grego" en non abandonar a eurozona "estaría achegándose agora aos límites da traxedia"

Reflicte Lapavitsas que até “recentemente” a ideoloxía de “Europa” serviu para opacar a “ruda realidade” do que “realmente significa a unión monetaria para as economías e sociedades europeas”. Agora, acrecenta, xa non fican restos das ilusións gregas en “Europa”.

Non poupa críticas á dirección de Syriza o parlamentar do sector crítico desta coligazón de esquerda, embora prefire aludir o “sistema político grego” en xeral, ao que imputa ter “mantido”  o país na zona euro a calquer prezo. Esa insistencia en non abandonar a moeda europea estaría “achegándose agora aos límites da traxedia”. 

Syriza, argumenta, obtivo un grande éxito eleitoral, mais a súa “estratexia colapsou miserabelmente desde o goberno”, critica asperamente Lapavitsas, para quen o acordo selado por Tsipras co Eurogrupo “non resolverá os problemas do país e probabelmente se vai revelar como estéril”.

Alternativa

Que propón Lapavitsas como alternativa? Basicamente elaborar un “detallado plano de saída [do euro], redixido co colaboración dun amplo elenco de economistas”. Isto é, preparar unha “moeda nova”, desde a consideración de que “non vai ser unha variña máxica”, mais no mínimo si que permitirá “liberar o país da trampa en que se acha sumido” ao sentar as bases para a reconstrución da economia produtiva.

Fe de Grallas: Na primeira versión desta noticia informábase erroneamente de que Grecia se incorporou á eurozona en 2012, cando en realidade o fixo en 2001.