O bloque independentista, en disposición de aumentar a súa maioría absoluta en Catalunya

O bloque independentista, en disposición de aumentar a súa maioría absoluta en Catalunya
Tardá, seria opción de ERC para encabezar a candidatura á presidencia da Generalitat
Tardá, seria opción de ERC para encabezar a candidatura á presidencia da Generalitat  
O último inquérito do CEO, o CIS catalán, deita un curioso paradoxo: ao mesmo tempo que por primeira vez en dous anos o non á independencia supera ao si, as forzas partidarias dun Estado catalán terían ao alcance aumentar a súa maioría absoluta no Parlament. ERC gañaría con clareza as eleccións.

Por vez primeira desde 2017 o CEO detecta máis persoas contrarias á independencia (48,3%) que favorábeis á fundación da República catalá (44%). Porén, o apoio ás forzas soberanistas lonxe de decaer, ten todo o aspecto de se fortalecer. A suma de ERC, JxCat e CUP podería incrementar a súa representación conxunta no Parlament: na banda máxima dos prognósticos, poderían alcanzar 74 escanos face os 70 actuais.

Indo formación a formación, o panorama teno absolutamente desepexado ERC. Non hai marxe para a dúbida sobre que vai ser a primeira forza. O CEO estima que obterá entre 38 e 40 asentos na cámara (agora ten 32). Na segunda praza ficaría JxCat, á quen se atribúe unha estimación entre os 25 e os 27 escanos (34). A CUP aumentaría apoios: pasaría dos 4 actuais a entre 6 e 7.

Dito doutro xeito, no peor dos prognósticos o bloque independentista sumaría 69 escanos (1 menos que agora) mentres que no mellor alcanzaría os 74.

O escenario final que pinta o CEO é moi distinto ao retrato que deixaron as urnas en decembro de 2017 e aquí o principal damnificado é Cs. Decapitado após a fuga de Arrimadas a Madrid, o partido laranxa ficaría na cuarta posición, cunha caída moi significativa: dos 36 escanos que lle deron a primeira posiciòn hai dous anos ficarían en pé apenas entre 23 e 24.

Onde van eses votos constitucionalistas? Basicamente a un PSC que se fortalece e que sumaría oito actas máis ás 17 conquistadas en 2017. O PSC até ameaza a condición de segunda forza de JxCat.

Canto ao resto, Catalunya en Comú-Podem experimenta unha tendencia alcista (de 8 a 11-12), en tanto que o PP continúa cavando no seu foxo: cedería un dos 4 escanos cos que conta no actual Parlament.