As linguas minorizadas en Francia protestan na rúa

As linguas minorizadas en Francia protestan na rúa
Unha imaxe da manifestación da pasada fin de semana [Jornalet]
Unha imaxe da manifestación da pasada fin de semana [Jornalet]  
As políticas agresivas do Goberno de Emmanuel Macron, presidente de Francia desde maio de 2017, provocaron nestes últimos tempos a reacción de numerosas asociacións en defensa das linguas minoritarias. Se a súa situación no Estado francés é de vello precaria, desde a chegada de Macron ao Elíseo é crítica

Varios centos de persoas manifestáronse a pasada fin de semana en París, convocadas polo colectivo Que Vivent Nos Langues (“Que vivan as nosas linguas”), que aglutina as diferentes asociacións en defensa das linguas autóctonas minorizadas dentro do Estado francés. 

As e os manifestantes protestaron contra o “grande retroceso” dos “escasos recursos que xa había” para a educación pública francesa como consecuencia da reforma nos niveis da primaria e da secundaria realizada polo ministro de Educación, Jean-Michel Blanquer, e, nomeadamente, a respecto da ensinanza das linguas minorizadas do Estado francés.

"Menosprezo das linguas"

A organización fixo un chamamento á mobilización xeral e exixiu a dimisión de Blanquer xa que consideran que a modificación normativa “menospreza as linguas minorizadas” até o punto de que fixo diminuír significativamente o número de escolares que as aprenden. As críticas veñen de lonxe: subliñan que, malia a retórica oficial favorábel, o Estado francés nunca tivo a vontade real de implementar políticas lingüísticas eficaces e reais para favorecer estas linguas. 

Alén do colectivo Que Vivent Nos Langues, a manifestación foi promovida por Paul Molac, deputado bretón na Asemblea Nacional francesa, e François Alfonsi, eurodeputado corso integrado no Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea

Ambos os dous políticos veñen xogando un papel importante á hora de denunciar a situación lingüística dentro do marco institucional francés.

Campaña en change.org

O colectivo Que Vivent Nos Langues tamén chamara nas redes sociais a mobilizarse “contra este ministro [Jean-Michel Blanquer] cuxa política leva a un verdadeiro lingüicidio”. Neste sentido, lanzou unha campaña en change.org pedindo un estatuto similar ao que gozan o catalán no Estado español ou o galés no británico. 

Iníciase así: “As nosas linguas son o occitano-lingua d’oc, o éuscaro, o bretón, o catalán, o corso, o flamengo occidental, o alemán estándar e os dialectais alsaciano e moselán, o savoiano (arpitano-francoprovenzal), a linguas de Oïl, as crioulas e as linguas autóctonas dos territorios de Ultramar. Todas se resisten en Francia a non desaparecer porque todas aparecen no inventario das 'linguas en perigo' estabelecido pola Unesco.

Historia de negación

O 4 de xuño de 1794, a Asemblea Nacional de Francia decretou a prohibión institucional de todas as linguas que non fosen o francés co obxectivo de unificar lingüísticamente o país. Daquela, segundo os lingüistas, arredor de 90% da poboación expresábase diariamente noutra lingua.

Durante o século XIX, a lexislación aprobada por todos os Gobernos foi na mesma liña. Na década de 1880 aprobáronse normas específicas prohibindo o o ensino nas escolas das linguas autóctonas. 

O cuestionamento a este tipo de lexislación comezou na década de 1950. Con todo, a nova constitución redactada en 1958 volveu recalcar que o único idioma da República era o francés. En 1972, o presidente Georges Pompidou ratificou as políticas en materia idiomática mantidas polo Estado desde a Revolución Francesa asegurando que "non hai lugar para as linguas rexionais en Francia" en alusión ao éuscaro, ao bretón, ao catalán, ao occitano ou ao corso, entre outras.

Durante a etapa de Nicolas Sarkozy no Palacio do Elíseo, Executivo non asinou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Tampouco propuxo reformas constitucionais neste sentido, unha liña continuada por François Hollande e, agora, por Emmanuel Macron.