Llarena bloquea a investidura de Sànchez ao negarlle o permiso de saída da prisión

Llarena bloquea a investidura de Sànchez ao negarlle o permiso de saída da prisión
Sànchez
Sànchez  

En 1987 un militante de ETA si puido abandonar a cadea para asistir a unha sesión parlamentar como candidato. Llarena argumenta agora que non ten en conta ese precedente porque, a diferenza de Juan Carlos Yoldi, Jordi Sànchez si podía obter a confianza da cámara e ser eleito presidente.


As institucións xudiciais españolas continúan a bloquear a investidura dos candidatos soberanistas embora o 21D deitar unha maioría independentista. Após o TC ditar unha resolución que inviabilizaba a escolla de Carles Puigdemont como novo chefe do executivo catalán ao impor como requisito a presenza física no hemiciclo, agora o xuíz Llarena completa o ciclo ao negar a Sànchez, preso en Soto del Real desde outubro pasado, o permiso para asistir ao pleno convocado por Roger Torrent a vindeira segunda feira 12 de marzo.

 

En 1987 os xuíces consideraron que non podían violar o direito de participación política de Juan Carlos Yoldi, militante de ETA e candidato á lehendakari por HB, e portanto permitiron a súa saída de prisión para tomar parte no debate de investidura. 31 anos despois, o xuíz Llarena nega ese direito a Jordi Sànchez co argumento de que, desta volta, o candidato soberanista si dispón dos apoios para ser eleito presidente.

 

Llarena confirma a prisión de Sànchez porque, afirma, existe risco de reiteración delictiva, unha presunción de índole máis política do que xurídica, ao dar por suposto que un novo goberno soberanista voltaría a transitar pola vía da declaración unilateral de independencia.

 

En 1987 os xuíces consideraron que non podían violar o direito de participación política de Juan Carlos Yoldi, militante de ETA e candidato á lehendakari por HB

 

A peza basilar da argumentación de Llarena é que a recente oferta de JxCat e ERC á CUP para conseguir o apoio á investidura de Sànchez implica a vontade do bloco soberanista de continuar a cuestionar a legalidade vixente.

 

E agora? O bloqueo do TS imposibilita a investidura de Sànchez e obriga as forzas independentistas a repensar a estratexia. Basicamente ten perante si dúas opcións: apresentar unha candidatura blindada aos recursos xudiciais -que é o que lle pide o PP e a Moncloa- ou deixar que apodreza a situación, o que inexorabelmente conduciría a novas eleccións.



x