Esténdense as consultas populares sobre a reunificación de Bretaña

Esténdense as consultas populares sobre a reunificación de Bretaña

Do 7 ao 14 de xullo oito localidades realizarán referendos para que a veciñanza decida sobre se é favorábel a reunir nunha mesma rexión os 5 departamentos bretóns e dotala dunha asemblea. 


Oito localidades de Bretaña (Breizh) realizarán o vindeiro mes de xuño consultas populares para que a súa veciñanza poida decidir sobre a reunificación deste país, actualmente divido en 2 rexións, e dotarse dunha Asemblea de Bretaña. Estas vilas collen así o testemuño das tres localidades que entre novembro e febreiro fixeron estes referendos: Wikel-Skovrid, Saoudan e Langoed. Nas tres houbo ampla vitoria dos partidarios de reunificar os 5 departamentos bretóns nunha mesma ‘rexión’ e dotala dunha asemblea.

O movemento Dibab é o responsábel destas iniciativas, que en cada concello é organizada por comités populares locais. Calcula que nas consultas de xuño participarán por volta de 17.000 persoas, segundo o diario ‘Ouest France’. Dibab puxo en marcha unha campaña de financiamento participativo para sufragar os gastos desta iniciativa, apoiada por partidos bretóns e movementos sociais.

En setembro do ano pasado houbo en Nantes unha ampla mobilización (13.000 asistentes segundo a policía, 35.000 para a organización) contra a división deste país. A marcha, convocada por diferentes colectivos, entre eles Breizh=44, tiña como demanda pedir a reunificación dos catro departamentos que actualmente conforman a rexión de Bretaña co de Loira Atlántico (rexión de Pays de Loire). Unha reclamación desde hai décadas dos e das bretoas, que lembran que estes cinco departamentos son os que históricamente compoñen Breizh, e que a súa disgregación en varias ‘rexións' responde a unha decisión de París por diluír o seu país. A manifestación exixía, inciden os e as convocantes, ‘respecto’ para o país bretón e o seu dereito a decidir.  Aí púxose o primeiro pedra para a campaña de consultas que agora agroman.