Londres descentralízase mais non o suficiente segundo o SNP

Londres descentralízase mais non o suficiente segundo o SNP
[Imaxe SNP]
[Imaxe SNP]  

Westminster presenta a súa proposta para aumentar o autogoberno de Escocia, como prometera David Cameron após o referendo de autodeterminación de setembro.


Westminster deu a coñecer xa a súa proposta para incrementar as cotas de autogoberno escocesas. O goberno de David Cameron explicou a batería de medidas que compoñen a iniciativa e que serán transformadas en lei a comezos do vindeiro ano. 

Entre elas, o goberno británico recoñece a Escocia a fixación de tipos no imposto sobre a renda e administrará o recadado que, no entanto, seguirá a ser competencia da Facenda británica. Aliás, o goberno escocés xestionará o 10% do diñeiro obtido através do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) aínda que Londres se reserva o de sociedades, rendemento do capital e sucesións. 

Noutra orde de cousas, o petróleo e o gas escoceses continuarán en mans de Westminster polo que se manterá a coñecida como "Fórmula Barnett" que estabelece 2.000 euros anuais por habitante nos investimentos públicos en relación coa poboación inglesa. 

Doutra banda, concederá ao goberno escocés a fixación das taxas dos seus aeroportos e permitirá que Holyrood --o Parlamento de Escocia-- mude a lei electoral para recoñecer o dereito de sufraxio activo a partir dos 16 anos. Tamén, autoriza que Escocia posúa leis propias en materia de interrupción voluntaria do embarazo e que asuma o control dos subsidios de vivenda. Iso si, Londres continuará a fixar o salario mínimo, as axudas por crianza, enfermidade e maternidade. 

Nicola Sturgeon: "Non significa a plena soberanía fiscal e moito menos a total autonomía"

A proposta, embora ser a maior concesión competencial feita por Londres até o momento, non é suficiente para o Scotish National Party (SNP). Neste senso, Nicola Sturgeon asegurou que "os novos poderes son insuficientes e decepcionantes porque o 70% dos impostos e o 85% da Seguridade Social serguirán sendo feterminados e controlados por Westminster". Segundo a forza nacionalista a proposta de Londres "non significa a plena soberanía fiscal e moito menos a total autonomía", embora significar 14 mil millóns de euros máis ao ano que xerirá Escocia. 

Pola contra, o Partido laborista considerou excesiva a ampliación de poderes proposta polo goberno británico. Igual que os tories que denuncian presións á hora de descentralizar o Reino Unido. Así as cousas, todas as forzas políticas inglesas asinaron, como prometeran días antes do desenvovemento da consulta independentista.