Machynlleth, primeiro concello en apoiar explicitamente a independencia de Gales

Machynlleth, primeiro concello en apoiar explicitamente a independencia de Gales

Este goberno local foi tamén o primeiro en declarar a mudanza climática como unha emerxencia.


Machynlleth, unha vila de 2.200 habitantes, é o primeiro concello galés en manifestar publicamente o seu apoio á independencia do país. Unha declaración do goberno local, aprobada en segunda votación co apoio da alcaldesa (Monica Atkins), establece que este este concello do leste galés apoia “a independencia de Gales e a campaña de Yes Cymru”.

A plataforma Yes Cymru aglutina e impulsa a campaña independentista galesa. O pasado 12 de maio miles de persoas manifestábanse en Cardiff en apoio á independencia. Procedentes de diferentes zonas do país, reuníronse en City Hall, desde onde marcharon nun ambiente festivo e reivindicativo, pasando por diferentes rúas da capital galesa, reclamando a soberanía para este país, que desde 1998 ten un sistema limitado de autogoberno.

Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñeceu que após o resultado do referendo sobre o Brexit “intesificouse” na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor se Gales fose unha nación independente, e explicou que con actos como a manifestación do sábado queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate en torno a ela.