Macron anuncia unha colecta internacional para reconstruír Notre Dame

Macron anuncia unha colecta internacional para reconstruír Notre Dame
@PompiersParis
@PompiersParis  

A Fiscalía desbota que o incendio que afectou a catedral parisiense fose provocado. Interrogados os 15 traballadores das obras de restauración que se levaban a cabo no templo.


Notre Dame é un patrimonio da humanidade e a humanidade debe involucrarse na reconstrución do seu patrimonio. Esta é a base sobre a que o presidente francés, Emmanuel Macron, chama a unha colecta internacional para reunir fondos cos que reconstruír a catedral, moi danada polo incendio que afectou zonas como a agulla e o tellado, para alén de coñecer o grao de dano causado nos tesouros do seu interior.

Varios millonarios galos xa anunciaron cuantiosas doazóns para esa tarefa de reconstrución. Mesmo no Parlamento europeo se puxo unha urna para recoller as achegas económicas dos eurodeputados e eurodeputadas (entre as primeiras en facelo, Ana Miranda).

O fiscal de París afirmou esta terza feira que non hai indicios de que o lume fose provocado e que a orixe do lume podería ser accidental. A Fiscalía interroga os 15 traballadores que están nas obras de restauración no interior da catedral. A investigación, advertiu o fiscal, pode ser “longa”.

A estrutura da catedral ficou “a salvo e preservada”, indicaron desde o servizo de bombeiros. Máis de 500 destes efectivos empregáronse a fondo durante horas para extinguir o lume.

Esta xoia do gótico recibe por volta de 14 millóns de visitantes anuais. Notre Dame acolleu desde coroacións de emperadores (Napoleón) até funerais de Estado (De Gaulle, Mitterrand), ademais de ser escenario de obras como universais como O chepudo de Notre Damme de Victor Hugo.