Macron, sobre os coletes amarelos: "A cólera que hoxe se expresa é xusta en moitos aspectos"

Macron, sobre os coletes amarelos: "A cólera que hoxe se expresa é xusta en moitos aspectos"
O xefe de estado francés
O xefe de estado francés  

Reaxe o palacio do Eliseo. Non tiña outra opción, sendo que o movimento dos coletes amarelos ten a aprobación de no mínimo 70 por cento da sociedade francesa. Emmanuel Macron tentou esta segunda feira desactivar as mobilizacións cun discurso de 13 minutos e un anuncio estrela: a suba de 100 euros do salario mínimo (1.498,47 euros brutos, no estado español a proposta do Goberno Sánchez é colocalo en 900). Macron chamou a "facer da cólera unha oportunidade"


O imposto sobre os carburantes, a faísca que prendeu o lume, xa pasou a mellor vida. Mais con ese movimento no taboleiro Macron non conseguiu enviar a xente para as súas casas. Esta fin de semana, as mobilizacións foron a máis e tamén aumentou a represión policial, con 1.700 persoas detidas. Cifras que non teñen precedentes en décadas nunha potencia central da UE. O Eliseo entendeu que se impuña unha mudanza no rumo, para garantir a súa supervivencia política.

Macron é visto como un elitista prepotente, así que esta terza feira, na súa alocución ao país, ensaiou o rexistro do dirixente autocrítico que admite as súas culpas e ve razóns nos adversarios. "Sei que ás veces teño ferido a algúns de vós coas miñas palabras", dixo nun ton moi de monarca, a evocar a petición de desculpas de Juan Carlos I após a súa polémica participación nunha cacería de elefantes.

"A cólera que hoxe se expresa é xusta en moitos aspectos", admitiu Macron, quen a seguir debullou unha serie de medidas, concebidas como concesións aos coletes amarelos, apresentadas polo presidente da República francesa como formando parte do que cualificou de "estado de excepción económica e social". 

Alén da suba do salario mínimo, as horas extras ficarán en 2019 exentas de impostos e tamén se van reducir as taxas para as persoas xubiladas que ingresen menos de 2.000 euros ao mes. En troca, Macron non asume por agora o restabelecimento do imposto sobre as fortunas, unha das demandas máis coreadas nas rúas francesas.

Si, en troca, anunciou o xefe do estado galo que impulsará unha refroma fiscal para garantir que os directivos das grandes empresas paguen os seus tributos en Francia, ben como para obrigar as compañías que se lucren no país a engordar as arcas da facenda gala.

Ao estarmos a falar dun movimento aparentemente acéfalo e sen dirección política clara, a dúbida é agora se estas cesións de Macron serán suficientes ou non para desactivar as mobilizacións dunha corrente social que primeiro se puxo en marcha para demandar a supresión dun imposto aos hidrocarburos mais que acabou por levantar unha táboa reivindicativa que puña no albo a propia continuidade do presidente da República no Eliseo.



x