CIMEIRA PEDRO SÁNCHEZ-XI JINPING

Madrid desbota unirse á ruta da seda, mais sela con China unha alianza "estratéxica"

Madrid desbota unirse á ruta da seda, mais sela con China unha alianza "estratéxica"
Sánchez e Xi Jinping departen nun momento da súa entrevista
Sánchez e Xi Jinping departen nun momento da súa entrevista  

Primeira visita ao Estado español dun presidente da República Popular de China en 13 anos. O líder chinés con máis poder desde Deng Xiaoping entrevistouse esta cuarta feira na Moncloa con Pedro Sánchez, co que asinou un documento contra o proteccionismo e o unilateralismo, como bases dunha "relación estratéxica integral". Xi Jinping recibiu tamén as chaves do concello de Madrid. O que non conseguiu foi a adhesión española ao proxecto chinés da Ruta da Seda, a alternativa de Beijing á globalización liderada polos EUA.


Lisboa, próxima estación da xira de Xi Jinping, si estará na Ruta da Seda. Madrid, non. Neste asunto a UE está dividida e o goberno español segue os pasos de Berlín e París, en concordancia cos desexos de Washington.

Con todo, Pedro Sánchez esforzouse en lle dar o maior realce posíbel á visita do chefe de estado chinés. Tanto que asinou con el unha declaración que non deixa de ser un claro desafío ás políticas proteccionistas de Donald Trump. España e China, reza o texto, "advogan por unha economía mundial global, aberta, equilibrada e inclusiva, baseada nas regras da OMC".

Beijing e Madrid reafirman aínda "o seu compromiso de loitar contra o proteccionismo e o unilateralismo e vanse dedicar á promoción dun mercado máis aberto e á eliminación de todos os obstáculos comerciais".

A palabra chave aquí é "unilateralismo". A idea central da Ruta da Seda proposta por Beijing é un novo tipo de globalización, multipolar e non controlada por unha única superpotencia. A economía chinesa, segunda xa en PIB, embora moi atrasada aínda en renda per cápita, é un factor de tracción para o resto do planeta, e Xi Jinping xoga esa baza para sumar aliados ao seu proxecto.

O documento leva un título suficientemente elocuente, o de "fortalecimento da relación estratéxica integral" e representa un aval que Beijing pode enarborar na próxima cimeira do G20 no seu confronto coa administración Trump.

Que concede China en troca? Segundo o expresado por Jinping nun discurso perante a reunión conxunta de Congreso e Senado, pon sobre a mesa compromisos para abrir aínda máis o seu país ao investimento estranxeiro e para protexer a propiedade intelectual. O líder chinés anunciou que nos próximos cinco anos a República Popular importará bens por valor de 70.000 millóns de dólares.



x