Maduro afirma que os comandantes militares fican “leais ao Pobo e á Constitución”

Maduro afirma que os comandantes militares fican “leais ao Pobo e á Constitución”
O presidente de Venezuela Nicolás MAduro. Foto: cedida.
O presidente de Venezuela Nicolás MAduro. Foto: cedida.  

A primeira comunicación do presidente de Venezuela Nicolás Maduro a través das redes sociais despois do intento de golpe de Estado foi para explicar que os comandantes militares fican “leais ao Pobo, á Constitución e á Patria”.
 


Chile confirma que Leopoldo López está na súa embaixada en Caracas

O ministro de Relacións Exteriores de Chile confirma que o opositor e prófugo da xustiza Leopoldo López, xunto á súa familia, atópase refuxiado na embaixada chilena en Caracas con condición de "hóspedes".

O ministro de exteriores chileno, Roberto Ampuero, informou que a muller de López, Lilian Tintori, e máis a súa filla, ingresaron como "hóspedes" na sede diplomática. Nas súas redes o ministro chileno afirmou que López permanece xunto á súa familia na embaixada e que “Chile reafirma o seu compromiso con demócratas venezolanos".

 

O ministro de Defensa de Venezuela declara xa fracasado o golpe de estado

Vladimir Padrino López, ministro de Defensa venezuelano, afirma que o golpe foi freado. Informou tamén de que o intento de golpe arrincou “cun minúsculo grupo de policías e membros da Garda Nacional que secuestraron vehículos militares e que se armaron con metralladoras, fusís de asalto e pistolas”. Padrino López afirmou en declaración aos medios que un 80 por cento destes policías e gardas, acudiron enganados ao distribuidor viario que atrancaron en Caracas.

 

Nese sentido, vense de distribuír na rede unha testemuña dun militar que narra como ás tres da mañá foron mobilizados baixo o engano de acudir a un acto para recibir condecoracións. Posteriormente ordenáronlles atrancar a vía e informáronos de que se estaba a tratar dun golpe de estado. O militar dá nomes das persoas ao mando, entre os que se atopan dous maiores e un comandante. Asegura que en canto se puideron organizar abandonaron o grupo golpista.

 

Maduro chama á “máxima mobilización popular para asegurar a vitoria da Paz”

“Conversei cos comandantes de todas as REDI [Rexións de Defensa Integral] e ZODI [Zonas de Defensa Integral] do País”, escribiu na conta de twitter, que seguen máis de 3,6 millóns de persoas, “quen me manifestaron a súa total lealdade ao Pobo, á Constitución e á Patria”.

 

Maduro empregou esa mesma comunicación para chamar á “máxima mobilización popular para asegurar a vitoria da Paz” e rematou cunha exhoratción: “Veneceremos”!.

Morales condena “enerxicamente” o golpe


O presidente de Bolivia Evo Morales condenou “enerxicamente o intento de golpe de Estado” en Venezuela “por parte da dereita que é submisa a intereses estranxeiros. Seguro que a valerosa Revolución Bolivariana á cabeaza do irmán Nicolás Maduro imporase a este novo ataque do imperio”.

Morales acusou directamente a Estados Unidos de inxerencia e de promover golpes de Estado que buscan “provocar violencia e morte en Venezuela”. Ademais convocou os gobernos sudamericanos a condenar o movemento de Guaidó.

Bolsonaro sae en apoio de Guaidó ​​

O ultradereitista Jair Bolsonaro, presidente do Brasil, informou nas súas redes que segue de perto a situación en Venezuela e expresou o apoio do Estado brasileiro a Juan Guaidó e tildou ao goberno de Venezuela de ditatorial, acusando tamén aos partidos brasileiros PT e  PSOL de dar soporte.