Maduro dá por derrotado o "golpe de estado" e atribúe a Capriles a responsabilidade de 7 asasinatos

Maduro dá por derrotado o "golpe de estado" e atribúe a Capriles a responsabilidade de 7 asasinatos

Nicolás Maduro chamou ao pobo a “manter a paz” e non “caer en provocacións”, e deu por “derrotado o golpe de estado", mais, advertiu," van querer seguir a desestabilizar”. Maduro apela a Capriles a que "non sexa irresponsábel" e que pida aos seus seguidores que deixen de saír á rúa "con violencia". Segundo a fiscal xeral, xa son sete as persoas asasinadas por grupos de opositores desde o domingo. Os EUA aínda non recoñecen a vitoria de Maduro.


A fiscal xeral de Venezuela, Luisa Ortega, informou nunha comparecencia pública que a vaga de violencia impulsada pola oposición deixou até o momento a cifra de sete persoas mortas e 61 feridas. Nas últimas horas houbo informacións varias e mesmo contraditorias sobre o número de falecidos, polo que a declaración da fiscal é o primeiro dato oficial a este respecto. Aliás, houbo ducias de sedes do PSUV e centros de saúde queimados e numerosas agresións ou intentos de agresións física a chavistas ou mesmo familiares de cargos e dirixentes chavistas.

En Caracas cidade unha persoa morreu após recibir varios disparos dun grupo de antichavistas que abriron fogo contra simpatizantes de Nicolás Maduro que na zona de La Limonera celebraban a vitoria do candidato do PSUV.

Mortos a tiros

Aliás, un grupo de opositores sobre motos dispararon contra simpatizantes chavistas en El Valle, matando dúas persoas. Neste atentado resultaron feridos un cámara de Barrio TV e un traballador de Radio Alí Primera

A Asemblea Nacional vai pedir que se investigue penalmente a Capriles para determinar as súas responsabilidades na vaga de violencia

En Maracaibo, nas proximidades da sede do Consello Nacional Electoral (CNE), foi asasinado un rapaz de 24 anos, militante do PSUV e traballador de mantemento do Hospital Universitario. Segundo testemuñas presenciais, o mozo foi tiroteado por simpatizantes da oposición, que ían encarapuchados.

Desestabilizar

Nunha intervención televisada, Nicolás Maduro acusou Capriles de "ser responsábel dos mortos que hoxe estamos velando” e chamou á oposición a “reflexionar. Non sexan irresponsábeis, non poden saír á rúa con violencia”. O presidente venezolano afirmou que “derrotamos o golpe de estado, mais eles (pola oposición) van querer desestabilizar”. E, apuntou, “se queren vir por min, veñan, mais non vaian contra o pobo”.

Maduro acusa os caprilistas de querer atinxir o poder a toda costa, mesmo "pasando por riba da vontade popular" e instou os medios de comunicación a que "se posicionen, ou coa paz ou coa violencia", en referencia ao apoio das grandes cadeas privadas ás protestas impulsadas por Capriles. Unhas protestas, incidiu o gañador das eleccións do domingo, de cuxas tráxicas consecuencias (mortos e feridos) "hai responsábeis con nomes e apelidos", responsábeis que hai que procurar entre a dirixencia opositora.

A Asemblea Nacional venezona pronunciouse tamén a favor de que se investigue penalmente a Capriles para depurar as súas eventuais responsabilidades na vaga de violencia.