MARTÍN PACHECO, CÓNSUL DE VENEZUELA

"Maduro está disposto a falar con Guaidó ou con calquera"

"Maduro está disposto a falar con Guaidó ou con calquera"
[Imaxe: Cedida] Martín Pacheco, no centro da imaxe
[Imaxe: Cedida] Martín Pacheco, no centro da imaxe  

É a voz da revolución bolivariana no noso país. Antigo director de Comunicación de Hugo Chávez, Martín Pacheco, cónsul de Venezuela en Vigo, ten claro que a saída ao conflito político que vive o seu país é a que apoian actores internacionais como México e Uruguai. Aposta, pois, nun diálogo aberto coa oposición, mais desde o respeito á soberanía nacional, nas antípodas do intervencionismo de Washington e Bruxelas. Eis un extracto da conversa publicada no número 332 de Sermos Galiza.


4A situación en Venezuela parece ter chegado a un punto de non retorno, cun confronto interno moi agudo e un golpe en curso aínda non abortado e que conta co patrocinio directo dos EUA e indirecto da UE. Que cabe esperar que ocorra nos próximos días?


Os próximos días son clave para lograr que a saída sexa através do diálogo. O presidente Maduro, polo menos en 400 oportunidades, chamou a todos os sectores da oposición a falar sen condicións. Venezuela ten os brazos abertos ao diálogo, onde, cando e como o queiran. Temos que saudar o chamamento que está a facer Uruguai e México no sentido de que esta é a única saída. Mais o diálogo sempre ten que ter unha axenda específica e coa Constitución da República Bolivariana na man. O programa de goberno de Venezuela é a súa Constitución e todos os pasos que se teñen dado desde o goberno teñen acompañado os contidos da carta magna de 1999. Mentres non haxa outro instrumento xurídico que a reemprace, nós temos que someternos ás leis e á Constitución.

A saída ten que vir da vontade política, da vontade política dos amigos de Venezuela, que entendan que ningún país desde fóra pode quitar ou pór un goberno, ningún país desde fóra se pode arrogar o dereito de designar un presidente, como tencionan facer os Estados Unidos. E ningún país pode permitir que unha persoa que é un deputado en desacato [en alusión a Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional] vaia a unha praza pública e proclame que el é unha especie de emperador, que reúne nas súas mans todos os poderes e que é o presidente co argumento de que existe un baleiro de poder. Baleiro de poder que non existe na Constitución venezuelana, de maneira que o mundo inteiro ten que entender que estamos perante un golpe de estado, un ataque continuado que xa vén desde 2002, a agresión que sufriu naquela altura o presidente Chávez. E o trasfondo é sempre o mesmo, uns Estados Unidos que non toleran a existencia dun país que se quere gobernar a si mesmo.

O presidente Maduro chamou ao diálogo co conxunto da oposición. Mais cabe o diálogo con quen se ten autoproclamado como presidente?
 

Nicolás Maduro está disposto a entrevistarse con quen sexa, onde sexa e como sexa. Válenos calquera escenario.

Está disposto a entrevistarse con Guaidó?

Con Guaidó ou con calquera. A pelota está agora no terreno da oposición, da xente que está empeñada en usurpar as funcións do presidente da República, en usurpar os poderes que emanan da Constitución e violar todos os principios do dereito internacional.

Vostede é xornalista de profesión e foi asesor do presidente Hugo Chávez. Agardaba un discurso tan monolítico na grande maioría de medios de comunicación occidentais, claramente aliñados co relato de Washington e de Guaidó sobre o que acontece en Venezuela?


Nós estamos sometidos a unha guerra mediática brutal, desde o momento en que accedeu ao poder o presidente Chávez. Nós non temos acceso a ningún meio importante internacional. Fomos invisibilizados. A Revolución bolivariana o que fai é trasladar as súas verdades através dos seus diplomáticos, através dos seus funcionarios de comunicación, pero os meios non nos dan cabida, nin sequera ás cartas ao director que nós lles enviamos. Non queren recoller a posición seria e responsábel dun país que sinxelamente o que fai é beneficiar as clases máis necesitadas e non axeonllarse fronte aos Estados Unidos. O que se intenta é manipular a opinión pública internacional construíndo unha pseudoutrina xurídica e unha ficción política cuxos plantexamentos non están nin en forma nin en fondo na Constitución da República. A pseudodoutrina é que Maduro usurpa o poder cando o presidente o que fixo foi xuramentar o seu cargo o 10 de xaneiro perante o Tribunal Supremo após gañar as eleccións de maio de 2018, uns comicios en que participaron máis de 9 millóns de votantes e que expresaron unha clara vontade popular de apoio ao proceso revolucionario. E esa vontade non se pode negociar. Iso de que haxa eleccións en Venezuela [o ultimato dado pola UE a Caracas para que volva convocar as urnas] non é negociábel porque xa se fixeron e fixéronse no marco da Constitución.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 



x