Ian Hudghton: "Os unionistas denomínanse a si propios o Proxecto Medo"

Ian Hudghton: "Os unionistas denomínanse a si propios o Proxecto Medo"
Ian Hudghton [Imaxe: Xan Muras]
Ian Hudghton [Imaxe: Xan Muras]  Xan Muras

A poucos meses do referendo de autodeterminación en Escocia, o presidente do Scottish National Party --a forza maioritaria-- salienta o aumento do número de apoios ao 'Si' mesmo entre a poboación conservadora, laborista e liberal. Porén, non perde a ollada á campaña das forzas unionistas e que xa se coñece como o Project Fear (Proxecto Medo).


O presidente do Scottish National Party (SNP), Ian Hudghton, está en Galiza con motivo da XII Asemblea da Alianza Libre Europea (ALE). Hudghton salientou en conversa con Sermos Galiza a importancia do momento que está a viver Escocia após a sinatura do acordo que convoca o referendo de autodeterminación para setembro de 2014. Un feito que, segundo o SNP, diferencia o proceso escocés do doutros movementos soberanistas. 

Defensores do mantemento da libra esterlina, subliñan o aumento de apoios á campaña Yes Scotland mesmo entre os partidos laborista, conservador e liberal porque "coa independencia a xente de Escocia por vez primeira poderá decidir que goberno quere", enfatizou.

O SNP defende o mantemento da libra esterlina após a independencia, é a cuestión monetaria unha das que máis preocupa ao pobo escocés de cara ao referendo?
Nós como parte actualmente do Reino Unido temos dereito aos bens, de maneira que é tamén a nosa libra. Neste senso, sabemos polos inquéritos que a maioría da xente en Escocia e no Reino Unido pensa que a unión monetaria entre os dous territorios sería a maneira máis desexábel de continuar adiante. Agardamos que cando votemos 'Si' sexa o que aconteza pois é o máis sensato, quer para Escocia, quer para o resto do Reino Unido. 

Londres non está moi polo labor, non si?
Os unionistas denomínanse a si propios como o Proxecto Medo (Project Fear). Ao mesmo tempo, o goberno e os partidos do Reino Unido din que Escocia ten que facerse responsábel de parte da débeda, mais agardan que creamos que non temos dereito a parte dos beneficios e dos bens. Non poden ter razón en ambos os dous casos. O realmente importante e o que fai da nosa situación tan diferente doutros movementos [soberanistas], é o Tratado de Edimburgo [acordo asinado entre Londres e Escocia para a convocatoria do referendo en outubro de 2012] que foi asinado por [David] Cameron e [Alex] Salmond, no que se recolle que ambos os dous gobernos aceptarán e implementarán a decisión que se adopte no referendo. Isto é, cando votemos 'Si' o Proxecto Medo rematará e poderemos avanzar cara á unha fase construtiva, con negociacións razoábeis, para que ese voto sexa efectivo. Aliás, David Cameron dixo que así o faría. 

"O presidente do Estado español está a desenvolver o seu propio Proxecto Medo dirixido aos cataláns"

Como valora a alianza entre Cameron e Rajoy para combater o independentismo perante os procesos soberanistas de Escocia e Catalunya? 
Poderíase dicir que o presidente do Estado español está a desenvolver o seu propio Proxecto Medo dirixido aos cataláns. Mais coido que é crucial que recoñeza a nosa como unha situación especial debido ao acordo asinado polo Reino Unido. Cando lle preguntaron ao ministro de Exteriores español en máis dunha ocasión ao respeito, expresou que o goberno español non tiña nada que obxectar, no caso de Escocia se converter nun estado independente dentro do Reino Unido, xa que é un proceso pactado. Cando menos así o asegurou en dúas ocasións. 

Cal é a relación entre o SNP e o Labour for Indy, sendo que tamén defenden o Si á independencia e integran a campaña Yes Scotland?
Sabemos que dentro de Escocia hai un número importante de persoas que votan polo partido laborista, polos liberais e mesmo polos conservadores, mais que está a favor da independencia porque ven lóxico o que defendemos e é que coa independencia a xente de Escocia por vez primeira poderá decidir que goberno quere, ao contrario do que acontece agora. Yes Scotland é un movemento amplo, un paraugas que abrangue a todos. Non agardamos que os votantes dos laboristas que apoian a independencia se inclúan no SNP. Mais traballamos todos xuntos, os Verdes, os laboristas, o SNP... Sabemos que o número de persoas que apoian a independencia está medrando, como no Labour for Indy, que xa están listos para apoiar a independencia. 

A conversa íntegra aparecerá no número 85 do Sermos Galiza, a quinta feira 20 de Febreiro nos quiosques do país.