Máis de 12.000 persoas maniféstanse en Belfast pola oficialidade do gaélico na Irlanda do Norte

Máis de 12.000 persoas maniféstanse en Belfast pola oficialidade do gaélico na Irlanda do Norte

O unionismo vetou as demandas e peticións de recoñecemento oficial para a lingua propia da illa.


Máis de 12.000 persoas manifestáronse a semana pasada en defensa da oficialidade do gaélico para Irlanda do Norte no que foi unha das mobilizacións máis numerosas que tiveron lugar nos seis condados baixo administración británica nos últimos anos. A marcha, co lema ‘Acht na gaeilge anois!’ (Lei para o gaélico xa!), reuniu en Belfast norirlandeses de diferentes idades e condados, que acudiron á convocatoria na defensa do idioma propio da illa, sen pleno recoñecemento oficial en Irlanda do Norte.

De feito, as propostas que nestes anos se fixeran para garantir a oficialidade topaban co veto unionista, que insiste en que esta lingua é só falada por unhas poucas persoa, que non é un tema de interese para a sociedade do ‘Ulster’ e que non ten sentido darlle categoría de oficialidade. Porén, como lle lembran desde orgasnizacións políticas irlandesas e movementos de defensa da lingua, que 12.000 persoas se reúnan en Belfast para apoiar a oficialidade indica que na sociedade hai demanda de que se dea ese paso.

Na actualidade, por volta de 5.000 alumnos estudan gaélico nun cento de escolas en Irlanda do Norte. A primeira escola gaélica comezou a funcionar nos seis condados en 1970 se ben non tivo recoñecemento oficial até pasados 14 anos. 



x