Máis un fracaso da xustiza española: Bélxica non entregará os ‘consellers’

Máis un fracaso da xustiza española: Bélxica non entregará os ‘consellers’
Os tres ex consellers
Os tres ex consellers  NacióDigital

O tribunal belga rexeita a extradición de Comín, Serret e Puig ao ver problemas coa tramitación da euro-orde por parte do xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena


A extradición dos consellers Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig acaba de ser rexeitada pola xustiza belga ao considerar que hai irregularidades na euro-orde. A solicitude, formulada polo xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena, non sería unha orde de detención nova, senón que tería aproveitado unha petición xa enviada á Audiencia Nacional. Á saída do tribunal, Comín sinalou estes feitos como sintomáticos do “desprestixio” e do “abuso” da xustiza española.

“Agora xa o din os xuízos, un tribunal manifestou que a euro-orde non se vai executar porque non cumpre os requisitos necesarios”, sinala. O conseller acusado de rebelión e malversación de fondos públicos celebra que, alén de aspectos puramente formais, “o fondo da cuestión é que non hai delito”. Pola contra, Comín afirma que este feito amosa como o proceder da xustiza española sería “totalmente innecesario e equivocado”.

Canda o ex conseller de saúde tamén acudiron ao Palacio de Xustiza de Bruxelas os políticos independentistas Serret e Puig, procesados por delitos de desobediencia e malversación. A vista, realizada a primeira hora no tribunal de primeira instancia, sufrira unha postergación debido á solicitude de “informacións suplementarias” á xustiza española por parte da Fiscalía de Bruxelas, alén do tempo requirido pola defensa para prepararse.

Esta decisión xudicial ten lugar após a decisión dos tribunais alemáns de descartar o delito de rebelión por falta de violencia e deixar Puigdemont en liberdade. A xustiza belga, polo seu lado, vai máis alá, e non só se pronuncia sobre a interpretación dos delitos -como xa foi feito na Alemaña-, senón tamén sobre a extradición en concreto.



x