O exército francés desenvolve unha ofensiva militar ao norte de Mali

O exército francés desenvolve unha ofensiva militar ao norte de Mali
Exército francés despregado en Mali
Exército francés despregado en Mali  SG
O exército francés vén de encetar en Mali unha ofensiva militar co visto e prace das Nacións Unidas. Algúns dos insurxentes que iniciaron o conflito apoiaran a Muhammad Al-Gadafi na guerra de Libia.

Unha xornada de bombardeos foi o pregón dunha intervención militar estranxeira no conflito iniciado en Mali o pasado mes de outubro. A complexidade da guerra iniciada entre as forzas gobernamentais e un grupo de insurxentes conformado por tuaregs, salafistas e grupos vencellados a Al-Qaeda, vén a se recrudecer após a chegada de continxentes militares franceses.

O estourido do conflito e a posterior intervención francesa --que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobou (Resolución 2085) e vén de respaldar esta segunda feira-- ten moito a ver coa guerra desenvolvida na Libia durante 2011 na que tamén participou o Estado galo, daquela baixo as ordes de Nicolás Sarcozy. Neste senso, parte dos insurxentes (as tribos tuareg) tomaran parte do conflito libio en apoio ao finado Muahmmad Al-Gadafi.

Agora, François Hollande, repite os acontecementos na que foi até 1960 unha das súas colonias. 

Empresas francesas operan no país extraendo uranio

Unha rexión (xeo)estratéxica
Uranio, ouro, petróleo e unha situación xeográfica privilexiada (o deserto do Sáhara, en cuxo chan se agochan importantes reservas de gas), converten a Mali nunha rexión (xeo)estratéxica para os intereses occidentais. Así pois, Francia posúe --xunto con China-- empresas que operan actualmente na extracción de uranio malí. Cuestión que tería motivado o apoio loxístico enviado desde os EUA, Dinamarca, Canadá e o Reino Unido ao exército galo.

Neste senso, unha das principais preocupacións occidentais é que os insurxentes tomen o control dos devanditos xacementos.

A instrumentalización da violencia
En comparecencia de imprensa após a xuntanza desenvolvida polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas esta segunda feira, o voceiro da organización internacional, Eduardo del Buey xustisficaba a "vixencia" da Resolución 2085 pola que se autoriza a intervención estraxeira no país, argüíndo que a escalada de violencia derivada da entrada en combate de Francia mantiña en pé a decisión adoptada. Porén, un grupo de mulleres malís, facían público un comunicado en decembro de 2012 polo que denunciaban "unha guerra imposta por outros".

Mulleres de Mali: "Da situación dramática de Mali despréndese unha realidade terríbel que se verifica noutros países en conflito"

Neste senso, as asinantes denunciaban "a instrumentalización da violencia" --nomeadamente da exercida contra as mulleres-- "para xustificar a inxerencia e as guerras causadas pola cobiza das riquezas do seu país", polo que facían --xa nalquela altura-- un chamamento "ás mulleres africanas" a diciren "non" ao conflito que se perfilaba e que arestora está a decorrer en Mali. Así mesmo, salientaban as consecuencias que as sancións económicas impostas pola 'comunidade internacional' contra o país en aras da volta "da orde constitucional", estaban a supor para o conxunto do territorio, especialmente para os colectivos máis vulnerábeis. Desta maneira, aseguraban que nas "condicións de precariedade" padecidas pola poboación civil e nomeadamente polas mulleres "debido á división sexual das tarefas", a intervención militar e unha escalada de violencia "é un remedio que ten todas as probabilidades de ser peor que a enfermidade, entrementres unha alternativa pacífica que emanara da sociedade malí, civil, política e militar, sería construtiva".

Até o momento, as propias Nacións Unidas estiman que o número de persoas civís desprazadas por mor do conflito armado, suma xa 30.000 aínda que apuntan, "a cifra podería ser maior". No entanto, aseguran que a responsabilidade é de "grupos islamistas" e non dos bombardeos desenvolvidos polo exército francés que continúa --co apoio da ONU-- a súa intervención militar.