Unha observadora galega nos comicios turcos

Unha observadora galega nos comicios turcos

Convidada pola HDP -Partido Democrático dos Pobos, formación política curda-, a integrante de Mar de Lumes Ximena González estará en Turquía canda representantes doutras nacións sen estado 


Unha delegación galega estará presente nas eleccións turcas que decorren esta fin de semana (domingo 1 de novembro). Os comicios lexislativos foron adiantados polo presidente, Recep Tayyip Erdogan, como unha "necesidade",alegou, perante a situación política que atinxe o país. 

E é que por vez primeira desde o 2002 o partido gobernamental AKP, malia obter a maioría dos escanos nos comicios, fracasaba no intento por formar goberno. No novo Parlamento prevese que o HDP, unha formación política impulsada por forzas da esquerda pro-curda, volte a se tornar na grande triunfadora da xornada. Hai apenas 4 meses, nas eleccións de xuño, obtiña 78 escanos e o 12,5% dos sufraxios converténdose na cuarta forza parlamentar. 

Porén, as eleccións non fican exentas de sospeitas, razón pola cal foron convidadas diversas organizacións e colectivos internacionais a modo de observadores da xornada. 

As eleccións foron adiantadas após o partido gobernamental, AKP, non poder formar goberno

Eis o caso do colectivo de solidariedade internacionalista Mar de Lumes que acudirá -xunto con representantes doutras nacións sen estado como Euskal Herria e Catalunya- a Turquía sob convite do HDP. 

A situación que atinxe o pobo curdo baixo administración turca caracterízase pola "persecución gobernamental" e a "criminalización" das súas organizacións e militantes, sinala en conversa con Sermos Galiza, Ximena González, a persoa que representará Mar de Lumes durante os comicios. O "atentado" acontecido en Ankara contra unha "marcha pola paz" dá boa conta diso. Unha realidade que se agravou coa irrupción do HDP no Parlamento. 

O proxecto curdo

Desde o HDP amósanse "con moito optimismo" perante os vindeiros comicios. Porén, sinala González, "agardan manobras" que poidan "pervertir" ou "falsear" os resultados electorais. "Mesmo impedimentos para que algunhas persoas poidan exercer o seu dereito a voto", acrecenta. O obxectivo das persoas que actuarán como observadoras é, neste senso, garantir unha "denuncia internacional" de se produciren. 

"En Turquía estase a atacar fortemente a loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres"

Ximena González coñece a realidade do pobo curdo e especialmente a das mulleres. Partillou espazos con elas através da Caravana feminista organizada pola Marcha Mundial das Mulleres. Ao contrario do que se tende a crer, sinala, "en Turquía estase a atacar fortemente a loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, mesmo coa cadea". 

Perante isto, subliña, "o proxecto curdo é emancipador tamén para elas". Entre outras cuestións, afirma, a presenza "política" e "pública" das mulleres garántese con "portavocías partilladas". Aliás, González salienta o papel que están a xogar as milicias curdas na loita contra o ISIS (Estado Islámico). 

O seu obxectivo é, para alén de actuar como observadora, "continuar a tecer redes de solidariedade" que unan Galiza co Curdistán.