Maragall insta Colau a que decida entre ERC e PSC

Maragall insta Colau a que decida entre ERC e PSC
Colau vota nunh asemblea de Barcelona en Comú. Á súa esquerda, Elisenda Alemany, hoxe nas filas de ERC
Colau vota nunh asemblea de Barcelona en Comú. Á súa esquerda, Elisenda Alemany, hoxe nas filas de ERC  Foto: BeC

ERC non quer un tripartito progresista tal e como defende Colau. E non o quer porque baixo o seu punto de vista o PSC en Catalunya está lonxe de ter unha postura progresista, ao ter apoiado o 155 e non se desmarcar da ofensiva xudicial contra o independentismo. Maragall contra-atacou cunha oferta de goberno bipartito case simétrico cos comúns, con el na alcaldía.  


Vaise achegando o 15 de xuño —día de constitución dos concellos—sen que se teña despexado aínda a incógnita de quen alzará o bastón de mando da capital catalá se Ernest Maragall (ERC) na súa condición de candidato máis votado ou se Ada Colau se finalmente a líder da confluencia pacta co PSC e acepta os votos dos tres concelleiros de Manuel Valls que se teñen afastado facticamente da disciplina de Ciudadanos.

A última oferta que hai sobre a mesa é a de Maragall a Colau: goberno ao 50% e un status especial para a alcaldesa en funcións. ERC si que non ve a hipótese dunh alcaldía rotatoria, barallada nalgún momento por Barcelona en Comú.

Colau non se move do discurso do goberno tripartito, mais na súa contorna non se desbota que finalmente acuda ao 15X coa súa candidatura en riba da mesa.

Consciente de que se Colau se presenta tería a partida gañada (cos tres votos de Valls), Maragall aumentou esta cuarta feira a súa presión cun apelo á alcaldesa en funcións para que esclareza xa se quer o pacto con ERC ou co PSC.

O previsíbel é que Colau non diga nada, a expensas de que se substancie a asemblea, deliberativa e sen carácter decisorio, que esta sexta feira vai realizar BeC.

Após a práctica desaparición do seu sector soberanista —os seus cadros proindependentistas desembarcaron en ERC: Elisenda Alemany foi a número 2 de Maragall—, o aparato de BeC, con forte peso de ex dirixentes de Iniciativa per Catalunya, séntense máis próximos do PSC que de Esquerra. A idea nese núcleo é que a peaxe a pagar pola alcaldía —aceptar os votos dun Valls ao que en campaña retrataron como o heraldo do establishment— non é tan cara tendo en conta o que se obtén en troca.