PROCESO AO PROCÉS

Mas desvía a Puigdemont a responsabilidade da convocatoria do referendo

Mas desvía a Puigdemont a responsabilidade da convocatoria do referendo
Mas, durante o interrogatorio.
Mas, durante o interrogatorio.  

Puigdemont non senta no banco dos reos porque se exiliou en Bélxica e xuíces belgas e alemás non viron delito de rebelión nos seus actos, co cal se negaron a extraditalo ao estado. Puigdemont non toma parte no xuízo como testemuña, a pesar de que así o pedían as defensas, porque se opuxo o tribunal. Mais Puigdemont é unha peza chave no procés. Tanto que Artur Mas, na súa calidade de testemuña, desviou cara el a responsabilidade útlima da convocatoria do referendo.


Pode ser obvio que a última palabra da convocatoria do referendo a pronunciase o naquela altura president da Generalitat, mais subliñar ese dato indicaría unha certa estratexia das defensas: situar a responsabilidade última da chamada ás urnas nun non acusado nesta vista oral (formalmente Puigdemont está declarado en rebeldía ao non comparecer cando no seu momento foi citado perante o xuíz do Supremo Pablo Llarena).

"Puigdemont chegou á conclusión de que era unha boa idea realizar unha segunda consulta", dixo Mas. Recapitulemos. O soberanismo xa organizara un primeiro referendo, o 9N de 2014, un proceso polo que o politico que presidiu a Generalitat durante o período 2010-2016 foi condenado por un delito de desobediencia. Nas eleccións plebiscitarias de 2015, o bloque independentista presentou un programa para proclamar a independencia en 18 meses sen necesidade de pasar por un novo referendo, sendo que a consulta se consideraba unha pantalla xa superada.

Agora, segundo a versión de Mas, tería sido o criteiro de Puigdemont o que tería prevalecido á hora de, a despeito do compromiso electoral, convocar un novo referendo.

Mas relatou ao tribunal que Puigdemont sempre tentou que o referendo fose pactado con Madrid. A consulta unilateral nunca foi "nin a primeira nin a segunda nin a terceira opción". O problema, veu dicir, é a falta de actitude dialogante por parte do goberno do estado.