Gran manifestación en Córsega na defensa dos dereitos dos presos independentistas

Gran manifestación en Córsega na defensa dos dereitos dos presos independentistas

A mobilización contou co apoio do presidente corso, Gilles Simeoni, que instou Emmanuel Macron a “solucionar” o problema dos “presos políticos”.


A cidade de Bastia (Córsega) acolleu este sábado unha manifestación contra a represión e na defensa dos dereitos dos presos independentistas corsos. Unha mobilización “masiva e pacífica”, en palabras do presidente corso, Gilles Simeoni, que apoiou a marcha e instou o presidente francés a asumir que o problema dos “presos políticos” fai parte dos temas que é preciso “solucionar” en Córsega.

corsega independentistas

“Abonda de represión” e “Liberdade” foron as dúas faixas que encabezaban a manifestación, convocada por Patriotti, a asociación de ex presos independentistas corsos, e apoiada por organizacións políticas nacionalistas, sindicatos e colectivos sociais. “Hai unha continuidade da represión policial, xudicial e financeira”, critican. O obxectivo principal da marcha era denunciar aplicación da 'Fijait' [Fichier Judiciaire National Automatisé des Auteurs d’Infractions Terroristes ] aos prisioneiros e ex prisioneiros independentistas.

O Fijait é un ficheiro creado polo Estado francés en 2015, en plena vaga de atentados do integrismo islámico, e no que se inclúe a todo presos relacionado con actividades 'terroristas'. Adoptouse por París para ter un control, xustificaban, de 15.000 persoas que calculan que hai susceptíbeis de “radicalizarse” no Estado francés. Mais este ficheiro non se limitou ao terrorismo integrista e estendeuse a aquelas persoas condenadas por actividades armadas relacionadas co independentismo corso e vasco. Aplicouse con efectos retroactivos polo que tamén pasou atinxir antiguos presos independentistas que ficaron en liberdade hai anos após cumprir a condena imposta. “Un sensentido”, critican desde o soberanismo corso e tamén desde movementos de defensa dos dereitos humanos, que lembran que as organizacións armadas independentistas corsas deixaron as armas hai anos.

Estar incluído no Fijait implica unha restrición en dereitos e liberdades e un control periódico sobre as persoas 'fichadas'. Por volta de 40 antigos presos e presas independentistas corsas estarían no Fijait, segundo os cálculos de Patriotti. Unha medida que tamén afecta a antigos membros de ETA no Estado francés.