Michelle Bachelet volve á presidencia de Chile

Michelle Bachelet volve á presidencia de Chile
Michelle Bachelet
Michelle Bachelet  

A candidata de Nueva Mayoría obtivo máis do 60% dos votos na segunda volta das presidenciais. O nivel de abstención alcanza índices históricos e situouse no 59%. Segundo a xa nova presidenta, os seus retos sitúanse na reforma tributaria, a reforma da Constitución e a reforma do sistema educativo chileno.


Máis da metade da poboación non foi votar. O 59% do electorado chileno ficou na casa este domingo (15 de decembro) e non acudiu ás urnas para tomar parte da segunda volta das eleccións presidenciais. O índice de participación máis baixo desde o final da ditadura en 1990. Porén, Chile xa ten nova presidenta. Con máis do 62% dos votos emitidos válidos, Michelle Bachelet será a nova xefa de Estado durante os vindeiros 4 anos. 

A candidata da coligación Nueva Mayoría e favorita segundo todos os inquéritos regresará ao Palacio de la Moneda para gobernar con tres grandes obxectivos no albo, asegurou no seu discurso após anunciarse o resultado dos comicios. Unha reforma da Constitución, a reforma tributaria e a reforma do sistema educativo. 

Bachellet, do Partido Socialista de Chile e filla dun xeneral asasinado durante a ditadura de Augusto Pinochet, regresa así á primeira liña política do seu país e recupera o poder após o seu primeiro mandato entre 2006 e 2010. Durante os últimos anos foi responsábel de ONU Mulleres.