Miles de partidarios de Morsi manteñen a súa mobilización despois de o Exército golpista masacrar 70 persoas

Miles de partidarios de Morsi manteñen a súa mobilización despois de o Exército golpista masacrar 70 persoas
Morsi Exipto
Morsi Exipto  

Foi unha nova matanza. O 8 de Xullo o Exército golpista matou 50 persoas, concentradas perante o edificio no que se achaba secuestrado Morsi. Na madrugada do sábado, dispararon a matar contra unha concentración pacífica de partidarios dos Irmáns Musulmáns, nas inmediacións da mesquita Rabea al Adauiya.


En declaracións realizadas a un enviado especial de The Guardian, un dos porta-voces dos manifestantes, Abdel-Rahman Daour, afirmou enfático que os irmáns musulmáns non cesarán nas súas mobilizacións: "Ninguén vai ir a ningures. Ou conseguimos a liberdade ou morreremos. Non imos viver nun país sen liberdade".

O certo é que após a carnicería deste pasado sábado -en que o Exército e forzas paramilitares camufladas como civís entre as masas mataron arredor de 70 persoas- a capacidade de resistencia dos partidarios dos Irmáns Musulmáns asemella manterse intacta.

Ducias de milleiros de islamistas manteñen a súa concentración perto da mesquita Rabea, de forma praticamente ininterrumpida desde que o Exército depuxera ao presidente lexítimo do país, Mohamed Mursi.

O Exército anuncia que "limpará" a zona da mesquita Rabea "o máis cedo posíbel"

O masacre do sábado chegou após o chefe do Exército, Abdel Fatah al-Sisi, facer un chamamento a unha mobilización masiva dos seus partidarios que contrarrestase as concentracións e marchas dos islamistas.

O choque estaba garantido. A pretensión do Ministerio de Interior exipcio, declarada polo seu propio titular, é a de "limpar" Rabea "o máis cedo posíbel".

A magnitude da represión é tal que até os proprios EUA, patrocinadores do Exército exipcio, ten cancelado polo momento a anunciada venda de 4-F16 ao Cairo. Porén, Washington continúa sen considerar a deposición de Morsi como un golpe de Estado.