Miles de persoas participan en Gales nunha nova Marcha pola Independencia

Miles de persoas participan en Gales nunha nova Marcha pola Independencia
Imaxe: @GutoOwenH2
Imaxe: @GutoOwenH2  

Tivo lugar este sábado na cidade Merthyr e colle o relevo das manifestacións realizadas nestes meses en Cardiff e Caernarfon. Na mobilización tomaron parte rostros do deporte e a cultura, así como entidades sociais e sindicais. O caos da xestión do 'Brexit' por Londres dá ás ao independentismo galés, que sube nas enquisas.


Merthyr, unha cidade de 44.000 habitantes no sureste de Gales, foi a praza elixida este sábado polo independentismo galés para volver mostrar músculo. A terceira Marcha pola Independencia convocada no que vai de ano volveu reunir miles de persoas, máis de 5.000 segundo a organización, reforzando así a dinámica do independentismo de intensificar presenza e mobilización mentres Londres se ensarilla no Brexit.

'Annibyniaeth', Independencia, volveu ser a palabra de orde máis coreada e repetida nesta marcha de Merthyr, unha manifestación que contou coa presenza de rostros como o de Eddie Butler, quen fora capitán da selección galesa de rugby, e que dixo antes da marcha independentista que “levo agardando por isto moito tempo”.

A xoven cantante Kizzy Crawford manifestou que estaba na marcha porque considera que “a loita pola independencia é combatir o caos” no que os políticos británicos sumen Gales. “Estou contra a xenofobia, contra o racismo”, enfatizou, fronte ao pulo da extrema dereita inglesa.

O independentismo galés reuniu en xullo en Caernarfon, un dos concellos que aprobou mocións a favor da independencia de Gales, 8.000 persoas e en maiomáis de 2.000 en Cardiff.

As Marchas Pola Independencia están impulsadas por All Under One Banner (AUOB). Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñecía recentemente que após o resultado do referendo sobre o Brexit “intensificouse” na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor se fosen unha nación independente e explicou que con actos como estas marchas queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate ao redor dela.  

Nesta liña, defenden a independencia tamén como unha vía para enfrontar os recortes impostos desde Londres e garantir un estado do benestar real en Gales. Afirman que todas as décadas de goberno desde a capital británica implicou para este país recortes, pobreza e falla de investimentos. 

Enquisas

As enquisas sorríen o soberanismo galés. De haber eleccións agora para elixir os membros da Asemblea Nacional de Gales (Parlamento), o Plaid Cymru sería a forza máis votada, o que suporía que o soberanismo galés gañaría por primeira vez unhas eleccións. Esta formación obtería 24% dos votos e superaría o Partido Laborista, actualmente gobernando, que atinxiría 21% e o Conservador, que lograría 19%.

Son os dados dunha enquisa feita en agosto por ITV e a Universidade de Cardiff. Na mesma tamén se outorga 19% de apoios á dereita dura e probritánica do Brexit Party, 12% aos Liberal-Demócratas e 4% ao Partido Verde. Así pois, as forzas de obediencia británica continúan a sumar ampla maioría.

O Plaid Cymru foi segunda forza nas eleccións de 2016, por detrás dos laboristas: o Partido Laborista logrou 29 escanos na Asemblea Nacional de Gales, por 12 do Plaid Cymru (agora 11, tras pasar 1 ao grupo mixto), 11 dos conservadores británicos e 8 deputados do resto de forzas.