A DISPAROS DO EXÉRCITO ISRAELÍ

Aumenta o balanzo do brutal masacre de Gaza: 52 vítimas mortais, 2.400 persoas feridas

Aumenta o balanzo do brutal masacre de Gaza: 52 vítimas mortais, 2.400 persoas feridas

Esta segunda feira Tel Aviv desatou unha terríbel represión sobre as manifestacións de protesta palestinas contra o estabelecimento da embaixada dos EUA en Xerusalén. Non é un día calquera: é a xornada en que o pobo palestino comemora a 'Nakhba' (Catástrofe), data na que denuncian que a construción do estado de Israel se fixo sobre a represión, asoballamento e a expulsión do pobo palestino.


Por volta de 52 vítimas mortais e arredor de 2.400 feridas -de acordo coas cifras achegadas polo ministro palestino de Saúde- é o último balanzo do brutal masacre perpetrado en Gaza polo exército de Israel nesta segunda feira, día en que había protestos en Palestina polo dereito ao retorno á terra das persoas refuxiadas e contra a decisión de EUA de trasladar a súa embaixada a Xerusalén. A poboación de Gaza secunda masivamente a greve xeral, amencendo con escolas, universidades, bancos e tendas fechadas.

Houbo manifestacións masivas en diferentes zonas, como Ramala, Hebrón ou Nablús. Nalgunhas delas partiuse en manifestación cara aos postos de control militar israelí. O exército de Israel -que cifrou en 35 mil persoas a asistencia ás mobilizacións palestinas- reforzouse con unidades especiais, tanto en Gaza como Cisxordania.

Entre as feridas hai 6 xornalistas. Palestina acusa Israel de disparar propositadamente contra os servizos de emerxencia e contra os correspondentes dos meios destacados na zona. Desde o exército e goberno israelí atribúese á “organización terrorista” Hamás a responsabilidade do sucedido por ser quen está a “organizar” disturbios “violentos” e por “tratar de danar o valado con Israel”.  

Entre as feridas hai 6 xornalistas. Palestina acusa Israel de disparar propositadamente contra os servizos de emerxencia e contra os correspondentes dos meios destacados na zona.

Esta terza feira hai previstas manifestacións masivas co gallo da Nakhba, a data na que os palestinos lembran “a catástrofe” que para este pobo supuxo a creación do estado de Israel.

Nota: esta información foi atualizada por volta das 18:25 horas do 14 de maio. Foi corrixida tamén porque na primeira versión deslizaba o erro de colocar estes feitos na "terza feira" cando se produciron na segunda. Fomos advertidos do erro polo oportuno comentario dun leitor.



x