Mobilizacións en Occitania e Córsega contra a "regresión brutal" das súas linguas no ensino co goberno Macron

Mobilizacións en Occitania e Córsega contra a "regresión brutal" das súas linguas no ensino co goberno Macron
Mobilización a favor do occitano
Mobilización a favor do occitano  

A reforma do ensino do executivo francés vai contra a Carta europea de linguas rexionais, denuncian colectivos de defensa destes idiomas, unha reforma que mingua a xa de por si escasa presenza de occitano e corso no sistema educativo.


Días de mobilizacións en territorios do Estado francés que como Córsega ou Occitania teñen lingua de seu. A reforma do ensino que prepara o goberno de Emmanuel Macron supón un retroceso para a presenza, xa de por si escasa, destes idiomas no sistema educactivo, segundo colectivos de defensa destes idiomas. A política de París, denuncian desde Parlemu Corsu ou Anem, pretende recortar horas de docencia, profesorado, medios e recursos para  aprendizase e ensinanza destas linguas. "É unha regresión brutal", alertan.


"O occitano é un dos elementos fundadores da identidade da nosa rexión. Para coñecer e comprender ben os nosos territorios, non podemos ignorar este idioma e a cultura que leva asociada. Sacrificar o occitano non é un sinal de modernidade senón un retroceso e empobrecemento", explican desde os colectivos que convocan unha manifestación para este domingo en Toulouse a prol do occitano no ensino.


"A lingua corsa non é unha lingua estranxeira, ten que ser considerada unha materia tan fundamental como o francés", indican desde Parlemu Corsu, que xa iniciou un calendario de concentracións e mobilizacións para defender que o idioma propio desta illa mediterránea teña no ensino o lugar que merece.

Falantes

O Movemento polos Dereitos Lingüísticos ‘Falantes’ lembraba en 2012, co gallo dunha gran mobilización daquel ano a prol do occitano, que a situación legal dos falantes dese idioma non era uniforme xa que a lingua se estende por 3 estados europeos diferentes. En Francia, afirmaban, non se teñen sequera datos fiabeis do número de falantes, que se estima pode roldar o millón e medio. 

No que atinxe á lingua corsa, unha enquisa sociolingüística encomendada polo Parlamento corso sinalaba que por volta do 90% dos e das corsas apoian a cooficialidade do idioma propio da illa. O número de persoas que saben falar esta língua móvese entre as 80 e as 130.000 persoas, dun total de 280.000 habitantes desta illa mediterránea.