ELECCIÓNS PRESIDENCIAIS

Morales, confiado en que non haberá segunda volta, anuncia que “xa gañamos”

Morales, confiado en que non haberá segunda volta, anuncia que “xa gañamos”
Evo Morales, na Casa Grande do Pobo, esta quinta feira. Foto: Europa Press
Evo Morales, na Casa Grande do Pobo, esta quinta feira. Foto: Europa Press  

O actual presidente de Bolivia cre que a tendencia no reconto é irreversíbel mais, non obstante, asegura que “se os resultados finais din que imos á segunda volta, habemos ir”.


O presidente Evo Morales confirmou esta quinta feira, 24 de outubro, nunha conferencia de prensa desde a Casa Grande do Pobo, sede en La Paz da Presidencia de Bolivia, que a súa lista electoral obtivo finalmente máis de 10 puntos de diferenza sobre a de Carlos Mesa, co que non será necesaria unha segunda volta e poderá manterse no cargo.

O cómputo oficial, co 98.62% do escrutinio, daba ao MAS, o partido do presidente, un 46,87 por cento dos votos, fronte ao 36.66% da Comunidade Cidadá de Mesa. Para evitar unha segunda volta, a lista do candidato vencedor dos comicios debe obter a maioría absoluta ou cando menos o 40% dos votos e 10 puntos de diferenza sobre o segundo.

“Gañamos na primeira volta electoral, mais se os resultados finais din que imos á segunda volta, habemos ir”, afirmou, non obstante, Morales na mesma conferencia. Con todo, insistiu en que “se o cómputo oficial di que non hai segunda volta”, vai “respectar” e “defender” o resultado.

Esta cuarta feira, Mesa sinalara ao respecto que non recoñecería os resultados do Tribunal Supremo Electoral de Bolivia (TSE), o que acusa de “manipular a votación” para favorecer a lista de Morales, situación que levou a protestas dos grupos opositores nas rúas do país.